Ferrol debaterá a nova ordenanza reguladora de conservación e rehabilitación dos inmobles
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela,, e o concelleiro responsable da Área de Urbanismo e Medio Ambiente, Guillermo Evia, presentaron hoxe o proxecto de ordenanza reguladora da conservación e rehabilitación dos inmobles, do estado ruinoso das edificacións e da mellora da accesibilidade ás vivendas locais existentes. A nova normativa debaterase no pleno ordinario de mañá despois de que esta mañá fora ditaminada en comisión informativa polos grupos municipais.
Rey Varela enmarcou este texto normativo “nos tres eixes fundamentais que dende o goberno municipal estamos a desenvolver dende o inicio do mandato co obxectivo de deseñar o futuro de Ferrol, e que son: o plano socio-económico, o social ou de benestar e o urbanístico”. En relación a cada un destes ámbitos, o rexedor puxo como exemplos o convenio coa Xunta de Galicia para a xestión do encoro das Forcadas –que permitirá aforrar ás arcas municipais ao redor de 260.000 euros mensuais-, as becas para as escolas infantís e a devandita ordenanza de rehabilitación, conservación e accesibilidade de edificios.
Ao respecto desta anovador regulamento, Rey Varela sinalou que “o proceso de reurbanización dos barrios históricos quedou inconcluso e, no caso de Ferrol Vello, encontrámonos cunha situación de abandono que é consecuencia da inacción das administracións e tamén dos propietarios dos inmobles”. “Pero xa vale de lamentos, a nosa responsabilidade como administración é pasar a acción”, dixo o alcalde. Así, con este novo regulamento –que afecta a todo o termo municipal, non soamente aos cascos históricos- e coa aprobación e desenvolvemento do plan especial para Ferrol Vello “estamos poñendo as bases para a recuperación do barrio que deu lugar ao nacemento de Ferrol”, sostivo. E ao fío disto, Rey Varela concluíu que “a situación non vai cambiar dun día para outro, pero creo sinceramente que con esta ordenanza damos un paso na dirección correcta.”
Por último, o rexedor ferrolán destacou que a nova ordenanza responde a un compromiso que asumiu antes de chegar a Alcaldía como é o de facilitar a instalación de ascensores naqueles edificios da cidade que carecen deste servizo, o que requiriu dun estudo específico no caso dos inmobles situados no barrio da Magdalena.
Ocupación temporal de solares
Pola súa banda, o titular de Medio Ambiente e Urbanismo detallou outros aspectos novedosos do regulamento, como o feito de que incorpore a posibilidade da ocupación temporal de solares baleiros mediante convenio co propietario, o que “é unha fórmula para rehabilitar e aproveitar o espazo público”. Así mesmo, apuntou que esta ordenanza complementa a de Rexistro de Solares e a de Inspección Técnica de Edificios.
Guillermo Evia manifestou que a ordenanza que mañá se debate en pleno “ten como primeiro obxectivo frear o deterioro dos cascos históricos e zonas del Ensanche, así como regular as situacións de ruína e mellorar a accesibilidade ás edificacións”. “A administración ten a súa responsabilidade, pero é o propietario o que está obrigado a manter en bo estado o seu edificio”, apuntou o edil ferrolán.











