Ferrol conmemorará o 13 de marzo o 20 aniversario do centro cultural Torrente Ballester
O Centro Cultural Torrente Ballester (CTB) está a piques de celebrar os seus primeiros vinte anos de actividade, dende que fora inaugurado o 13 de marzo de 1993 segundo a data que consta na páxina web oficial do devandito equipamento municipal. O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado deu conta hoxe na comisión informativa da área do programa de actividades que o vindeiro 13 de marzo se levarán a cabo na antiga capela do Torrente Ballester para conmemorar o aniversario do centro.
Así, García Hurtado explicou que os actos consistirán nun concerto a cargo da Banda de Música Ferrolá, baixo a dirección do mestre Narciso Pillo, e que estará dedicado a Verdi. Ademais, proxectarase un vídeo con imaxes dalgunhas das exposicións máis significativas que acolleu o Torrente Ballester nestes primeiros 20 anos de traxectoria. Este documental leva por título “20 anos do CTB”. Os actos comezarán ás 20.00 horas e serán de entrada libre.











