Ferrol centra as súas intervencións na reparación de beirarrúas no barrio de Esteiro
O servizo municipal de Obras, Reparación e Mantemento de Viarios do Concello de Ferrol, do que se encarga a empresa “Misturas S.A”, está a centrar estes días os seus traballos en actuacións de reparación de baldosas e beirarrúas, segundo a planificación elaborada polos técnicos municipais atendendo a criterios de urxencia. En concreto, os operarios desta prestación pública traballan dende o pasado luns na reparación de beirarrúas situadas, principalmente, no barrio de Esteiro.
Así, as cousas, e segundo a programación de traballos presentada por Misturas S.A, entre o luns 11 de marzo e a xornada de hoxe, interveuse nas beirarrúas de Españoleto con Rochel e coa Avenida de Vigo, Eduardo Pondal e Naturalista López Seoane. Por outra parte, as malas condicións climatolóxicas que estamos tendo esta semana, con constantes chuvias, motivaron o aprazamento dalgunhas actuacións de aglomerado previstas na programación de traballos, que se retomarán tan pronto como o tempo o permita.











