Ferrol cambiará a ordenanza de axuda no fogar para beneficiar ás familias con menos recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, abordou na comisión informativa da área celebrada hoxe a proposta de aprobación inicial da modificación da Ordenanza Municipal do Servizo de Axuda no Fogar. Unha vez ditaminada polos grupos políticos en comisión, esta deberá ir a pleno e someterse a exposición pública para a presentación de alegacións antes da súa ratificación definitiva por parte da corporación municipal, de novo en sesión plenaria.

Martínez Beceiro explicou que a modificación do regulamento deste servizo vén obrigada pola normativa autonómica, e que na mesma se inclúen os baremos para a concesión do Servizo de Axuda a Domicilio en función da capacidade económica do solicitante e do nivel e grao de dependencia. Ao respecto, a edil ferrolán subliño que a principal novidade con respecto á situación actual é que se introducen novos treitos económicos nos baremos das concesións co obxectivo de que “paguen menos por este servizo aqueles demandantes que teñen menos ingresos económicos”. Para explicalo, Martínez Beceiro recorreu ao seguinte exemplo: na situación actual, un solicitante do Servizo de Axuda a Domicilio que ingresa 600 euros mensuais paga por 70 horas de servizo un total de 95,2 euros. Esta cantidade é a mesma que abona polo mesmo número de horas de servizo un solicitante cuns ingresos mensuais de 1.554 euros. Unha situación que variará a partir da entrada en vigor da modificación proposta á ordenanza. Así o solicitante do servizo que ingresa 600 euros mensuais pasará a pagar 86,82 euros por 70 horas de axuda no fogar; mentres que o que ingresa 1.554 abonará 224,86 euros.

Ademais, a ordenanza tamén regula a libre concorrencia municipal –aqueles demandantes de Servizo de Axuda a Domicilio pero que non teñen recoñecida a dependencia-. Neste caso é a Administración municipal, a través dos traballadores/as sociais as que determinan que o demandante cumpre cos requisitos para beneficiarse desta axuda, así como o número de horas. Para as axudas a domicilio de libre concorrencia, redúcense os baremos económicos con respecto á proposta inicial, co obxectivo de que sexa menor a contía que ten que aportar o beneficiario para sufragar os custes do servizo.

Axudas de Emerxencia Municipal

Por outra banda, a titular de Benestar tamén levou á comisión desta mañá a aprobación inicial da modificación temporal do regulamento de axudas de emerxencia municipal para a súa posterior aprobación no vindeiro pleno de fin de mes. Ao respecto, Martínez Beceiro enmarcou esta modificación na decisión do goberno municipal de incrementar nun 65% con respecto ao exercicio pasado a contía que a Administración municipal destina a axudas de emerxencia social, pasando de 150.000 euros a 250.000 na anualidade de 2013. Un incremento orzamentario que obedece á modificación do regulamento que rexe a concesión destas axudas co obxectivo de que se teña en conta no baremo de adxudicación das mesmas o custe que supón para as familias o pago da vivenda, tanto en réxime de aluguer ou hipotecario.

Así as cousas, a concelleira de Benestar explicou que este cambio na normativa permitirá ampliar o espectro de familias que se poderán beneficiar destas axudas de emerxencia. Esta nova iniciativa do executivo de Rey Varela forma parte do  Plan de Oportunidades do Concello de Ferrol, que ten un dos seus eixes de actuación en dar unha maior cobertura social a aquelas persoas e familias con menos recursos.

Martínez Beceiro sinalou que as axudas de emerxencia social teñen un carácter puntual que sufragan nun determinado monumento gastos básicos como poden ser de farmacia, de roupa, de comida, recibos da luz, e agora tamén de aluguer ou hipoteca dunha vivenda.

21 de marzo de 2013 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.