Ferrol aproba nove solicitudes de axuda para a modernización do comercio e a hotelería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, deu conta hoxe da resolución definitiva da primeira convocatoria da anualidade de 2012 de axudas ao comercio tradicional e á hostalería local, enmarcadas no Plan Urban. Ao respecto, o edil ferrolá explicou que das 14 solicitudes presentadas, foron aprobadas nove -5 para a creación de nova actividade, que suporá a xeración de seis postos de traballo; e catro para a mellora de negocios xa en funcionamento-.

No que atinxe ao investimento previsto ao abeiro desta liña de axudas, este ascende a un total de 153.158 euros, dos cales se corresponden coas subvención 56.987,07 euros –o resto é investimento que achega a iniciativa privada-. Alejandro Langtry lembrou que o obxectivo destas achegas do Urban –das que se poden beneficiar comercios e hostaleiros de A Magdalena, Ferrol Vello e Canido, así como vendedores do mercado central- é modernizar os establecementos e, ao mesmo tempo, fomentar a instalación de novos negocios.

Por último, o titular de Economía apuntou que este goberno municipal puxo en marcha en 2012 unha segunda convocatoria extraordinaria deste tipo de axudas. Esta recibiu un total de 11 solicitudes que, de seren todas elas aprobadas, suporán 150.000 euros de investimento. Desta cantidade, 37.800 euros son os que achega o Concello de Ferrol a través dos fondos europeos do Urban.

18 de marzo de 2013 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.