Ferrol aproba a adxudicación das obras de demolición do antigo Bambú Club

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O goberno municipal de Ferrol adxudicou as obras de demolición do edificio municipal situado na estrada de Castela número 6, o antigo Bambu Club, así como o servizo de vixilancia e servizos complementarios para os centros e instalacións pertencentes ao Concello. As adxudicacións destes contratos pecháronse hoxe nunha reunión extraordinaria da Xunta de Goberno Local.

Ao respecto dos traballos de derrubamento do inmoble coñecido como Bambú Club, estes correrán a cargo da empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L por un importe total de 108.334,46 euros (21% de IVE incluído). A proposta des firma resultou a mellor valorada polos técnicos municipais da Mesa de Contratación das cinco que se presentaron a este procedemento de adxudicación. O concelleiro responsable da Área de Medio Ambiente e Urbanismo, Guillermo Evia Pérez, lembrou que esta intervención responde á necesidade e urxencia de garantir a seguridade neste contorno de Recimil. O antigo Bambú Club presenta un estado de ruína que aconsella o seu derrubamento, e o mesmo coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

No que atinxe á vixilancia e servizos complementarios para os centros e instalacións pertencentes ao Concello de Ferrol, a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a súa adxudicación á unión temporal de empresas formada por Eulen Seguridad S.A e Eulen S.A. O importe anual deste contrato, que terá dous anos de vixencia,  ascende a 376.878,70 euros (incluído o 21% de IVE).

20 de marzo de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.