Ferrol anuncia un incremento do 65% na partida destinada a axudas de emerxencia social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da concelleira responsable da Área de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, anunciou hoxe un incremento do 65% con respecto ao exercicio pasado na contía que a Administración municipal destina a axudas de emerxencia social, pasando de 150.000 euros a 250.000 na anualidade de 2013. Un incremento orzamentario que obedece á modificación do regulamento que rexe a concesión destas axudas que impulsa o goberno municipal co obxectivo de que se teña en conta no baremo de adxudicación das mesmas o custe que supón para as familias o pago da vivenda, tanto en réxime de aluguer ou hipotecario.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá a este cambio no regulamento, que permitirá ampliar o espectro de familias que se poderán beneficiar destas axudas de emerxencia. A modificación terá que ser agora ditaminada na comisión informativa de Benestar Social co obxectivo de aprobala no vindeiro pleno ordinario de fin de mes.  Rey Varela enmarcou esta nova iniciativa no Plan de Oportunidades que está a desenvolver o Executivo local e que ten un dos seus eixes de actuación en dar unha maior cobertura social a aquelas persoas e familias con menos recursos.

O primeiro edil da cidade explicou que as axudas de emerxencia social teñen un carácter puntual que sufragan nun determinado monumento gastos básicos como poden ser de farmacia, de roupa, de comida, recibos da luz, e agora tamén de aluguer ou hipoteca dunha vivenda. “Na complicada situación económica actual consideramos que o gasto dunha familia na súa vivenda tamén é un gasto básico”, apuntou Rey Varela. “Vivimos nunha situación económica moi complexa  que nos obriga, como administración máis próxima ao cidadán, a protexer ás persas e familias que peor o están pasando”, concluíu o primeiro edil de Ferrol.

18 de marzo de 2013 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.