Ferrol anuncia a licitación do proxecto para a recuperación dos baixos da Costa de Mella

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, anunciou este mediodía a licitación do proxecto básico e de execución para a reurbanización dos xardíns de San Francisco, a rehabilitación dos baixos da Costa de Mella e a mellora da comunicación e accesibilidade co paseo do túnel. Así, o primeiro edil da cidade explicou que a Xunta de Goberno Local que se celebrará o vindeiro luns, día 25, aprobará a contratación administrativa e os pregos de cláusulas administrativas que rexerán a adxudicación deste proxecto, que se enmarca dentro do programa “Abrir Ferrol ao Mar” do Executivo ferrolá.

Rey Varela fixo este anuncio durante un percorrido polas rúas do centro da cidade para supervisar os traballos realizados nos últimos días a cargo dos servizos municipais e empresas concesionarias, e ao abeiro do novo Plan de Barrios, cuxo desembarco na Magdalena coincide coa preparación da cidade para acoller a Semana Santa. En relación ao proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar”, o alcalde da cidade apuntou que a recuperación dos baixos da Costa de Mella e dos xardíns de San Francisco  suporá un investimento de ao redor do millón de euros, aínda que o custe real non se coñecerá até que non estea elaborado o proxecto de actuación.  Unha intervención que pasa, segundo explicou o rexedor ferrolá, por rematar co saneamento da propia muralla xa iniciado neste mandato, recuperar os espazos interiores da mesma para albergar o Centro Interpretativo da Cidade e a Oficina Central de Turismo, restablecer a comunicación por escadas entre a alameda do Carbón e os xardíns e incorporar un ascensor panorámico dende a entrada dos baixos de San Francisco.

Así mesmo, o alcalde sinalou que esta ambiciosa actuación forma parte do proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar”, ao tempo que a enmarcou no relanzamento da candidatura a Patrimonio Mundial, para o que “é imprescindible contar cun Centro de Interpretación”, declarou. A recuperación e posta en valor da Costa de Mella e o seu contorno financiarase con fondos municipais, e a previsión é que sexa unha realidade no ano 2015. A execución deste proxecto deberá contar previamente co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Como primeiro paso, a Xunta de Goberno Local dará luz verde o luns, día 25 de marzo, á contratación do proxecto básico de execución, para o que o Concello de Ferrol ten reservada unha partida económica de 69.176,21 euros (co 21% de IVE incluído).

Posta a punto das rúas do centro da cidade para a Semana Santa

O alcalde adiantou o proxecto de recuperación dos baixos e do contorno da Costa de Mella na praza de Armas, no punto de partida para a supervisión dos traballos executados no marco do novo Plan de Barrios do Goberno municipal. Acompañado dos concelleiros de Medio Ambiente e Urbanismo, e de Seguridade e Servizos, así como dos representantes  da Asociación de Veciños Zona Centro e do Consello da Veciñanza, Rey Varela explicou que “o obxectivo da programación de tarefas feitas estes días na Magdalena foi o de mellorar o aspecto do centro de cara á Semana Santa, máis nun ano tan especial como este no que iniciamos a carreira para conseguir a declaración de Interés Turístico Internacional”.

Neste sentido, o primeiro edil resumiu  os traballos realizados ao longo desta última semana no barrio da Magdalena, que foron os seguintes:

1. EN VIARIOS E BEIRARRÚAS.

– O equipo habitual de operarios que presta este servizo -6 operarios- reformouse esta semana para actuar nas rúas e baldosas do centro en 6 oficiais máis, co obxectivo de poder cumprir os prazos establecidos polo Concello. En total, 12 persoas afanáronse estes días no arranxo das rúas da Magdalena.
– As intervencións centráronse en calzadas e beirarrúas dos percorridos principais da Semana Santa: Arce, Real, Angustias, Magdalena, Dores, praza de Armas…, ademais de executarse varias reparaciones en San Francisco.

2. ACTUACIÓNS EN ZONAS VERDES.

– Traballos de mantemento e limpeza nun total de 27.271 metros cadrados de zonas verdes: prazas de Armas, de Amboage, de España, do Callao, Sánchez Aguilera, paseo de Irmandiños, xardíns situados na contorna do Jofre e a praza de Galicia, Cantóns, etc…
– Plantáronse 2.210 flores de estación nas prazas de Amboage, de Galicia, de Armas, contorna do mercado da Magdalena, no monumento aos Heroes de África, cales Dores e Galiano, etc.
– Leváronse a cabo traballos de poda e mantemento nuns 70 exemplares.
– Instaláronse 12 letreiros de prohibición de acceso de cans ás zonas verdes.

3. EN PARQUES INFANTÍS.

– Realizáronse traballos de revisión, limpeza, pintado, reposición e reparación de elementos nas dúas instalacións existentes en Magdalena: os parques infantís de Amboage e Cantón de Molíns.

4. TRABALLOS DE EMAFESA

– 15 intervencións de mantemento preventivo nas redes de abastecemento e saneamiento.
– 4 actuacións de control de calidade.

5- TRABALLOS DE URBASER

– Lavado e baldeo manual de todas as beirarrúas..
– Procedeuse a blanquear todas as prazas e mobiliario urbano mediante baldeo a presión.
– Tamén se realizou un baldeo mecánico de todas as rúas do barrio.
– Limpeza de graffitis.
– Limpeza e comprobación de todos os sumidoiro do barrio.
– Limpeza e lavado de papeleras.

6. ACTUACIÓNS EN ALUMADO PÚBLICO.

– 213 tarefas realizadas: 212 de limpeza de columnas de alumado, 1 de reposición de tapa de columna.

7- POLICÍA LOCAL.

–  Ademais dunha maior presenza, especialmente os días 18 e 19 de marzo.
–  Realizouse un estudo de carga/descarga no barrio.
– Realizáronse 30 denuncias de Tráfico por estacionamientos indebidos, incumprimento do horario de zona azul, etc.

22 de marzo de 2013 | 20:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.