Ferrol aforrará medio millón de euros no novo contrato de parques e xardíns
O Concello de Ferrol aforrará 500.000 euros no mantemento e conservación das zonas verdes da cidade co novo contrato deste servizo municipal cuxos pregos de cláusulas administrativas e técnicas e licitación foi aprobada hoxe en Xunta de Goberno Local. Ademais, por primeira vez e trala supresión do Padroado Municipal de Deportes, neste contrato inclúense o coidado das zonas verdes das instalacións deportivas municipais. Así as cousas, o primeiro edil da cidade, Jose Manuel Rey Varela, informou de que orzamento base de licitación ascende a 1,2 millóns de euros, o que supón unha diminución do 30% con respecto ao gasto que até o de agora supoñían ambos traballos. “Con este novo contrato aspiramos a unha mellora nas zonas verdes da cidade, reducindo o custe que isto ten para os veciños e veciñas de Ferrol”, dixo o alcalde, que enmarcou este procedemento no Plan de Barrios e no obxectivo “de conseguir unha cidade máis verde”.
A pesar desta baixada no custe deste servizo de parques e xardíns, nas novas bases que rexen a contratación inclúense dez novas zonas verdes e, ponse a obriga ás empresas licitadoras que non reduzan o persoal que traballa na mellora dos espazos verdes da cidade, como así se está a facer en todos os contratos que está a licitar neste cuadrienio a Administración ferrolá. “Parece razoable que exista un único contrato para todas as zonas verdes da cidade”, apuntou o alcalde de Ferrol, quen destacou que co novo prego de condicións “conseguimos con menos diñeiro máis zonas atendidas grazas a unha mellor xestión dos recursos públicos de todos os ferroláns, por iso optamos por unha licitación conxunta”. Entre as novas zonas verdes da cidade que se inclúen no contrato están: Alcalde Usero, as estradas de Catabois e de Castela, O Inferniño, Palco das Ánimas, o Auditorio Municipal, República Arxentina, Atocha e Máximo Ramos, etc.
O concelleiro de Servizos, Pablo Cal Martínez, explicou que o contrato se adxudicará pola vía de urxencia, e que o período de concesión deste servizo de conservación de zonas verdes será de dous anos prorrogable por outros dous. O edil sinalou, así mesmo, que coa finalidade de atender ao maior ámbito da cidade que sexa posible cun menor custe reduciranse as intervencións de mantemento naquelas áreas con menos poboación nas que se continuará coas tarefas de mantemento extensivo. Por contra, nas zonas do municipio máis habitadas se aumentará o mantemento. Neste sentido, Pablo Cal apuntou que o prego está aberto ás melloras que poidan presentar as empresas interesadas en facerse con este contrato.











