Ferrol abre o prazo para o curso “xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, organiza o novo curso formativo “Xerocultor/a especializado/a en actividades rehabilitadoras”. Esta iniciativa  forma parte do proxecto “Ferrol punto de emprego II”.

Esta acción formativa está orientada para persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia” e que se atopen empadroadas no termo municipal. Ademais, deberán de posuír calquera das seguintes titulacións: Graduado Escolar ou ESO e formación complementaria ampla na área sociosanitaria – preferente o certificado de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais- ; Ciclo Medio de Formación Profesional en “Coidados auxiliares de enfermería” ou Título de F.P. 1 en “Auxiliar en enfermería”.

O prazo de inscrición está aberto dende o vindeiro luns, día 18, e ata o venres, día 5 de abril. As solicitudes pódense presentar no Centro de Emprego do Concello de Ferrol de 9:00 a 14:00 horas, onde se deberá entregar a seguinte documentación: copia do DNI ou NIE, copia actualizada da tarxeta de Demandante de Emprego, volante de empadroamento expedido pola Oficina de Estadística do Concello ferrolán, acreditación do nivel formativo e curriculum vitae.

Duración

O curso terá unha duración de 255 horas en total, adicando 160 delas ás practicas profesionais en empresas. A acción formativa contempla varios módulos: formación específica,  práctica profesional titorizada en empresas, formación transversal e complementaria e titorías individualizadas durante todas as fases.

A edil de Emprego sinalou que o obxectivo desta iniciativa é “dotar ao alumnado dos coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes necesarios relacionados coas distintas disciplinas rehabilitadoras que permitan manter e mellorar a autonomía persoas dos maiores e as súas relacións co entorno tanto en institucións públicas como privadas”. A responsable municipal tamén lembrou que “ Ferrol punto de emprego II”, financiado en parte polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.

Para mais información os interesados poderán dirixirse ao Centro de Emprego do Concello de Ferrol situado na rúa Sagrada familia nº 56,  chamar ao 981944195 ou a través de internet na páxina oficial do Concello: www.ferrol.es/emprego/ ou www.ferrol.es/emprego/puntodeemprego

14 de marzo de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.