Ferrol abre o prazo para inscribirse nun obradoiro de corresponsabilidade doméstica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal, organiza un novo obradoiro Corresponsabilidade Doméstica, que se realizará nas dependencias da Casa da Muller. Será de luns a mércores, en horario de 17:30 a 20:00 horas; e dará comezo o mércores 13 de marzo. A edil ferrolá explicou hoxe que esta actividade  pretende que tanto homes coma mulleres poidan adquirir os coñecementos necesarios relacionados con tarefas domésticas e cotiás -coma por exemplo facer a lista da compra ou cociñar- e que lles permita manter a súa autonomía persoal en situacións de falta de apoio no domicilio ou en procesos de emancipación.

O prazo de inscrición estará aberto ata o luns 11 de marzo (inclusive). O número de prazas está limitado a 15 persoas, e o requisito é que os participantes residan no termo municipal de Ferrol. O modelo de inscrición pódese recoller nas dependencias do Rexistro Municipal do Concello de Ferrol (planta baixa da Casa do Concello), onde se deberá entregar xunto co volante de empadroamento. Este “Obradoiro de Corresponsabilidade Doméstica” é, ao igual que o resto de iniciativas organizadas dende a Concellería de Igualdade, de carácter gratuíto, sen custe algún para os participantes.

O curso desenvolverase nun total de catorce sesións, tendo unha duración de 35 horas. “Un dos obxectivos da actividade é fomentar actitudes en pro da igualdade e a destrución de todos aqueles estereotipos sexistas que existen na sociedade actual coa asignación automática de tarefas, decisión e responsabilidades ás persoas en función do sexo”, apuntou Casal Míguez.. Así as cousas, os obxectivos que persegue esta actividade son:  modificar estes estereotipos para que tanto homes coma mulleres asuman as devanditas tarefas de forma igualitaria; impulsar un cambio de actitudes a favor dunha cooperación máis equilibrada no ámbito doméstico e familiar para permitir alcanzar un desenvolvemento integral de mulleres e homes.

Contido

En canto ao contido deste “Obradoiro de Corresponsabilidade Doméstica”, os participantes abordaran cuestión como:

– Coidado e mantemento da roupa: lavar, dobrar, pasar o ferro e costura básica.

– Limpeza do fogar. Aforro de diñeiro e tempo: organizar, limpar a casa, cociña, cuarto e baño, comedor e zona de estudo/traballo e trucos de limpeza

– Cociña doada e san: o etiquetado nutricional, a dieta mediterránea, elaboración de receitas doadas e dunha comida básica

– Reparacións domésticas: electricidade, fontanaría, pequenas reparacións de pintura.

– Xestión do tempo: planificación no uso e xestión dos tempos familiares, laborais e de ocio persoal; coñecer os recursos para a conciliación e control do estrés.

–  Saúde no fogar. Elementos de saúde na casa: accidentes domésticos e a súa prevención, primeiros auxilios, ergonomía e saúde.

– Administración doméstica: Interpretación de facturas de luz, agua e gas; trámites e xestións habituais (recibos, bancos, declaración da renda, contratos de subministracións, cambios).

5 de marzo de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.