Feira do Lázaro e Certame Gastronómico “Vila de Verín” 2013

Presentación da Feira do Lázaro
Os días 16 e 17 de marzo, Verín acollerá a celebración da tradicional Feira do Lázaro e a sexta edición do Certame Gastronómico ‘Vila de Verín’. Un evento que, ademais da celebración en honra a San Lázaro, inclúe a realización de actividades deportivas, culturais e lúdicas en diversas localización da vila, convertendo esta festa nun acontecemento apto para todos os públicos.
O Pavillón Municipal de Deportes de Verín acollerá durante as dúas xornadas, de 10 a 14 e de 16 a 21 horas e con entrada gratuíta (o sábado o horario de peche prolóngase ata ás 22 horas), a realización da Feira do Lázaro, articulada en torno á artesanía e gastronomía, e contará con participantes de Galicia, Norte de Portugal e doutras provincias españolas. Tamén no interior do pavillón se celebrará, por sexto ano consecutivo o 16 de marzo (a partir das 10.30 horas), o concurso ‘Cigarrón de Verín’ que se divide en tres categorías: prato principal, maridaxe e sobremesa (no apartado de prato principal o ingrediente básico debe ser cabrito, mentres que na categoría de maridaxe ten que ser bacallau). Ademais, no momento da presentación do prato, que será elaborado en directo, os concursantes deberán maridalos con viño da D.O. Monterrei. Os premios que se outorgarán aos participantes son os seguintes: “Gran Cigarrón” -na categoría de prato principal e cun valor de 400 euros, patrocinado polo Concello de Verín-, “Denominación Orixe Monterrei” -ao mellor maridaxe, dotado con 300 euros, apadriñado pola D.O. Monterrei- e “Cigarrón Doce” -na de sobremesas, e cuxo valor ascende aos 200 euros, por AEHCOM (Asociación Hostaleiros de Verín)-.
Con todo, e tamén no apartado gastronómico, a Denominación de Orixe Monterrei organiza esa mesma xornada a súa Cualificación da colleita 2012, a partir das 12 horas, na Casa do Escudo. E xa dentro do apartado lúdico, o recinto do Pavillón Municipal de Deportes de Verín tamén acollerá unha ludoteca e obradoiros infantís; así como actuacións de música tradicional, e espectáculo de grupos de baile e acrosport.
Ademais a festa de San Lázaro se traslada as rúas da localidade coa realización das seguintes actividades: IV Torneo San Lázaro Intercentros de Fútbol-7 (16 de marzo, ás 9 horas, no complexo deportivo de A Granxa), Torneo de Natación do Lázaro, (16 de marzo, ás 10 horas, na piscina climatizada), IV Torneo de Fútbol de Veteranos (16 de marzo, no complexo deportivo de A Granxa), procesión de San Lázaro e misa na Igrexa Parroquial (17 de marzo, ás 11.30 horas), II Torneo de Xadrez Chaves-Verín (17 de marzo, ás 15 horas, na praza de A Merced) ou actuacións musicais na noite do sábado e tarde do domingo, nas prazas García Barbón e Maior. Ademais, do 12 ao 16 de marzo, a Casa do Escudo acollerá a exposición ‘Descubre as cooperativas’, da Consellería de Traballo e Benestar.
Por outra banda, a Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM), en colaboración co Concello de Verín, co obxectivo de seguir promocionando os produtos tradicionais da comarca promove a cuarta edición ‘Exaltación de Bacallau e Cabrito’. Unha iniciativa asentada na realización de menús específicos, durante as dúas xornadas da Feira do Lázaro, que inclúen bacallau e cabrito, por un prezo que oscila entre os 17 e 22 euros nos seguintes restaurantes: O Augueiro, Lugano, O Castelo, O Candil, San Roque, Brasil, Casa Manola e Parador de Turismo de Verín. Con todo, esta iniciativa contará este ano cunha importante novidade: a colocación da carpa ‘Puertas de Galicia’ nos exteriores do Pavillón Feiral, no que os/as verinenses e visitantes poderán coñecer un menú degustación de bacallau e cabrito, cun prezo de 23.5 euros, e que está conformado por os seguintes pratos: Carpaccio de bacallau ou Cabrito a baixa temperatura (Premio Gran Cigarrón 2012) coma primeiros, e Ensalada de arroz salvaxe con virutas de cabrito ou Bacallau ao forno de segundos, ademais dunha sobremesa especial AEHCOM e viños da Denominación de Orixe Monterrei (os/as asistentes poderán acudir a esta carpa ben o sábado noite ou o domingo 17 de marzo no xantar).
Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín, Plan de Competitividade Portas de Galicia, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Saroni, Socitransa, Parador de Turismo de Verín, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Estradas Galegas SL, Espina & Delfín, Aopil SL, Esinor. Galega de Técnicas e Investimentos S.L., AEVER-CCU Verín (Asociación de Empresarios de Verín-Centro Comercial Urbano Verín) e AEHCOM.











