Éxito de participación da xornada do CIM de Ortigueira sobre emprendimiento feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+
Xornadas do CIM

Xornadas do CIM

Preto de corenta mulleres participaron onte pola tarde no centro social de Ortigueira na segunda edición do “Ciclo Muller e emprego”, promovido polo CIM do Concello de Ortigueira, en colaboración cos concellos de Cariño e de Mañón. A xornada, destinada a impulsar o emprendimiento feminino, serviu para espertar o interese polo autoemprego dalgunhas das participantes.

A sesión tivo como piares os casos particulares de Ana Docanto de Conservas Amieiro e Mónica Muíño do centro de fisioterapia e rehabilitación Fisio- che ben, en San Sadurniño que comentaron os proles e as contras da súa experiencia como emprendedoras, e as dificultades que tiveron que sortear. Sen ir máis lonxe, e a pesar do carácter eminentemente rural da bisbarra, Docanto sinalou a dificultade de comprar en Ortegal a materia prima (vexetais e froitas frescas) para elaborar as súas conservas.

Ademais Jaime Domínguez, membro da directiva de AJE Ferrolterra, apuntou as liñas de axuda que ofrece a súa entidade a cantos, no actual momento de crise, deciden apostar polo emprendimiento como alternativa laboral. Finalmente, Francisco Fernández Carreja, técnico de emprego local, debullou as novas axudas activadas polas distintas administracións, empezando polo propio Concello de Ortigueira, para incentivar o desenvolvemento de proxectos empresariais.

A excelente resposta do público asegura a continuidade desta iniciativa, enmarcada na conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora. De feito, dende o CIM de Ortigueira barállase, en resposta ao incremento á alza das demandas de mellora da cualificación e emprego das súas usuarias, reforzar as actividades orientadas a presentar ás veciñas posibles saídas profesionais e nichos de mercado existentes na zona.

21 de marzo de 2013 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.