Eurodeputados de 10 nacionalidades participaron na presentación da Feira do Cocido en Bruxelas

Presentación en Bruxelas
Os embaixadores de España en Bélxica, Ignacio Matellanes, e o embaixador español e representante permanente ante a Unión Europea, Alfonso Dastis, presidiron xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, e ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Javier Gamallo Aller, a presentación da Feira do Cocido de Lalín en Bruxelas que tivo lugar na Fundación Galicia Europa, organismo dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia da Xunta. Unha representación institucional de primeiro nivel á que se uniron Ernesto Pena, director xeral de Pesca da Unión Europea, e o lucense José Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura do ente comunitario, ambos números dous dos seus respectivos departamentos.
Na presentación da Feira do Cocido en Bruxelas, un evento enmarcado dentro do proxecto Depodeza, financiado ao 70% con fondos Feder, e que ten como obxectivo alcanzar a internacionalización da Feira, tamén estiveron presentes os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, que actuou como anfitrión da delegación lalinense no Parlamento Europeo, así como Carmen Fraga e Antolín Sánchez Presedo. Aos galegos sumáronse os tamén membros da Cámara, Carlos Iturgaiz, Salvador Garriga, Pablo Zalba, Rosa Estarás, Santiago Fisas, e os europarlamentarios estranxeiros: Phillipe Buoland (Francia), José Manuel Fernandez (Portugal), Rafal Trzaskowski (Polonia), Angelika Wethmann (Austria), Alain Cadec (Francia), Tunne Kelam (Estonia), Sean Kelly (Irlanda), Miroslav Mikolasik (Eslovaquia) e Crisrtian Preda (Rumania).
Ás 10 nacionalidades representadas na presentación en Bruxelas sumáronse os responsables de medios de comunicación belgas e españois desprazados na Unión Europea que departiron cos cociñeiros, José Luis Iglesias e Álex Iglesias, antes da degustación o prato típico lalinense.
O concelleiro de Turismo situou Lalín e as súas potencialidades tanto turísticas, gastronómicas, culturais e empresariais, e o alcalde, José Crespo, fixo un repaso pola historia do Cocido e aproveitou a ocasión para posicionar os produtos lalinenses cos que se elabora o prato típico lalinense, embutidos, produtos da horta e os “nosos queixos e mel” dos que apuntou “a súa calidade está entre as mellores de Galicia”.
O rexedor resaltou diante das personalidades asistentes de dez nacionalidades distintas que “o Cocido é o embaixador da cociña galega, xunguindo tradición e modernidade, ao tempo que aúna os costumes de antes e os de agora”. “O Cocido e Lalín e Lalín -precisou- forman unha perfecta simbiose para retroalimentarse e darse a coñecer ao mundo”. “Alí onde había un grupo de emigrantes galegos, alí nos pediron facer o Cocido, o que nos está axudando a difundilo”, puntualizou.
Crespo rematou a súa intervención agradecendo a Millán Mon “a súa axuda para difundir este evento e pola súa colaboración a facer tan internacional esta presentación con numerosos deputados de ata 10 países”.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo transmitiu os parabéns ao alcalde polo “poder de convocatoria do Cocido”. “Temos un quórum moi importante”, sinalou, ao tempo que afirmou que “eu xogo na casa dobremente, porque son de Lalín”.
DISTINCIÓN INTERNACIONAL
Gamallo Aller indicou que “a Feira do Cocido representa o símbolo da Galicia interior” e defendeu que “representa a excelencia polos seus produtos e estou convencido -afirmou-, polo traballo de promoción, que pronto obterá a distinción internacional”.
O eurodeputado Millán Mon felicitou a Crespo e a Rodríguez “pola iniciativa de traer o Cocido a Lalín”. E sostivo: “Ao Cocido faltáballe vir á capital de Europa; esta é a confirmación da Feira no seu camiño cara á internacionalización”.
GALICIA CALIDADE
Así mesmo Millán Mon quixo reseñar que “o Cocido cumpre o importante papel de dar a coñecer a Galicia interior” e fixo fincapé en que “o Cocido de Lalín é un magnífico exemplo do lema <Galicia Calidade>”.
Por último, o embaixador de España en Bélxica pechou o acto explicando que “polo seu carácter de capital de Europa, Bruxelas é cosmopolita e un punto importante onde darse a coñecer”. Agradeceu a presenza dos medios locais e dou a noraboa ao alcalde por esta iniciativa.











