Entra en vigor a ordenanza sobre a limpeza de fincas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

A ordenanza recolle os prezos públicos polo uso da maquinaria e o traballo do persoal municipal -ou contratado a tal efecto- nas tarefas de limpeza agás no caso en que se produza algunha catástrofe natural.

Así o custe por hora ou fracción de traballo dun operario de servizos será de 14,50 euros, o dun operario de maquinaria de 18 euros e o dun técnico -se é necesario- terá un custe de 23 euros.

No caso da maquinaria estipuláronse 25 euros por cada hora ou fracción da pá retroescavadora; 20 euros por cada tractor con rozadora traseira, cisterna ou similar e 25 se leva rozadora de brazo. Se fai falla o camión, o custe sitúase en 20 euros.

Tanto no caso da maquinaria como do persoal os tempos contaranse desde que se produce a saída da nave municipal de servizos. Ademais, se cómpre retirar residuos da finca o custe do seu tratamento posterior terá que asumilo o suxeito pasivo (o titular da terra).

As tarefas de limpeza poden ser a eliminación de silvas, herbas ou árbores, así como a recollida de entullos e outros  residuos vertidos de forma irregular. A lei esíxelles aos propietarios de terras mantelas en boas condicións de salubridade e aspecto, ademais de telas libres de maleza como medida preventiva dos incendios forestais.

Calquera persoa que queira que o Concello lle faga pequenos traballos de limpeza na súa leira pode solicitalo e o departamento de obras faralle o traballo cobrando os prezos estipulados na ordenanza.

Porén, tamén pode darse a circunstancia de que unha finca estea chea de maleza e/ou residuos e que o titular ou responsable subsidiario non faga por limpala. Se iso ocorre o Concello fará un informe técnico sobre a situación e requiriralle oficialmente que a limpe. Se despois do requirimento o titular ou titulares non atenden, será o Concello quen actúe de oficio entrando na leira co persoal e a maquinaria que sexan necesarios. A partir de aí notificaráselle a liquidación co custe dos traballos e, de non pagar, aplicaráselle tanto o custe como a correspondente sanción de acordo coa Lei Xeral Tributaria.

O texto da ordenanza foi aprobado por unanimidade no pleno do mes de xaneiro. Logo de superarse o periodo de exposición pública sen que se producisen alegacións, a ordenanza comezará a ser efectiva desde este sábado, 16 de marzo.

O alcalde, Secundino García, insistiu en que o Concello “asumirá o seu papel de velar polo cumprimento da lei no referido á limpeza de terreos e será rigoroso na aplicación da normativa, que lle afecta tanto a terreos, como a fincas pechadas, patios interiores, sebes, pólas de árbores e mesmo augas de escorrentía”. Con todo, García amosou a súa confianza en que San Sadurniño “sexa un concello modélico en canto a limpeza de terreos” e que os casos en que o organismo municipal teña que actuar de oficio “sexan os mínimos”.

15 de marzo de 2013 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.