“Empadróate: Lalín suma”, campaña para conservar o título de concello de primeira categoría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocalLocal Portada
A-
A+

O programa municipal de promoción do empadroamento incidirá na concienciación e sensibilización cidadá, en “chegarlles ao corazón á xente”, e no fomento do autoemprego a través do apoio ás microempresas como piares básicos para captar novos/as residentes, segundo explicou o voceiro do grupo de goberno e tenente alcalde, Román Rodríguez, na presentación da dita campaña // Rodríguez, que estivo acompañado polas concelleiras de Emprego e Benestar, María José Batán e Paz Pérez, destacou que “se trata dun plan no que están involucrados todos os departamentos municipais” e ao mesmo tempo “dunha iniciativa que é complementaria ao programa de dinamización demográfica que vén de poñer en marcha a Xunta”

“Empadróate: Lalín Suma” é o lema da campaña municipal de promoción do empadroamento que pon en marcha o Concello de Lalín co obxectivo de concienciar aos residentes no municipio, que non estean empadroados, para que se censen en Lalín, por ser o lugar no que viven e no que, polo tanto, tamén se benefician de servizos.

A concienciación e a sensibilización á cidadanía é o fomento do emprego e do autoemprego a través dun programa dirixido a microempresas son os dous piares sobre os que se vertebra este plan municipal co que se pretende captar novos/as lalinenses para seguir así mantendo poboación e a Lalín entre os concellos de primeira categoría por ter máis de 20.000 habitantes (actualmente ten 24.409 empradroados), pois é fundamental ademais de por clasificación, tamén para manter o nivel de ingresos correspondentes aos fondos do Estado e a outros investimentos económicos que veñen determinados en función da poboación.

Esta campaña “Lalín Suma” foi presentada polo tenente alcalde e voceiro do grupo de goberno, Román Rodríguez; e polas concelleiras de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán e de Benestar e Emigración, Paz Pérez, pois “trátase dun traballo integral no que están involucrados todos os departamentos municipais para conseguir a concenciación e a sensibilización, determinantes para sumar novos/a veciños/a de Lalín”. Neste sentido incidiu que “o máis importante do programa é conseguir chegarlle ao corazón á xente” e subliñou que “este programa municipal é complementario do programa de dinamización demográfica que vén de activar a Xunta de Galicia”.

REUNIÓNS CON COLECTIVOS

Román Rodríguez que deu a coñecer a imaxe corporativa da campaña “para a que se fixeron carteis e folletos informativos” tamén anunciou que “se manterán reunións con diversos colectivos a fin de coñecer e pulsar o seu estado de opinión, para que animen aos non censados en Lalín a que se empadroen”.

O voceiro do grupo de goberno precisou que “a campaña de sensibilización estará acompañada de medidas de impulso do autoemprego e de medidas de conciliación, a través das Concellerías de Emprego e de Benestar, nas que se está facendo un importante esforzo neste sentido”.

A concelleira de Emprego, pola súa parte, explicou que “se está traballando nun programa de apoio a microempresas para o fomento do emprego e do autoemprego que establece incentivos económicos para microempresas que se constitúan de novo”. “Nestes momentos están redactándose as bases pero son subvencións para pequenas empresas e autónomos para facer fronte aos gastos de constitución, de aluguer, primeiros consumibles, materias primas, etc”. Dixo que se porán en marcha este ano, desde xuño a decembro e que a contía individual por proxecto aínda está pendente de concretar, pero se está barallando que sexa de entre 500 a 1.000 euros.

Sinalou en segundo termo que co Plan <EMTRA> “Empresa e Traballo” tamén se continuará traballando na orientacion laboral, no asesoramento para a creación de empresas e nas exencións e bonificacións fiscais para novos proxectos.

Por último apuntou a que se desenvolverán labores de sensibilización con comerciantes e empresarios a fin de que axuden a captación de novos veciños.

As persoas que desexan empadroarse en Lalín só teñen que achegarse ao Concello (Praza de Galicia, 1) co seu DNI (tarxeta de residencia ou pasaporte, en caso de eser estranxeiro) e acreditar que reside no municipio.

25 de marzo de 2013 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.