Dúas voluntarias europeas explican aos nenos do CRA de Tomiño as características dos seus países

Voluntarias ensinando aos cativos
As voluntarias europeas Iwona Domaszczynska e Marín Vomm, de Polonia e Estonia, respectivamente, que residen en Tomiño, coma becarias do Servizo de Voluntariado Europeo (SVE), visitan nestes días as distintas aulas do Colexio Rural Agrupado (CRA) do concello de Tomiño e a Escola Infantil Galiña Azul.
As voluntarias realizan en cada aula do CRA unha visita de hora e media de duración, durante a que explican aos nenos e nenas algunhas características dos seus países de procedencia e de Europa en xeral. En primeiro lugar, ensínanlles un mapa de Europa, e logo amósanlles mediante un xogo de papeletas as diferentes formas de saudar en diferentes países.
A través doutros xogos participativos, as becarias, van introducindo algúns aspectos das distintas culturas.
O alumnado responde moi ben ás propostas, sorprendendo ás veces coas súas preguntas ás voluntarias. Estas van continuar visitando as aulas de infantil dos colexios públicos de Tomiño. Ademais, imparten talleres de inglés, un curso de cociña polaca e estona, e dan charlas informativas no IES de Tomiño sobre o SERVICIO DE VOLUNTARIADO EUROPEO e cultura dos seus respectivos países.
Tamén colaboran no BANCO DO TEMPO e no CLUB DE LECTURA que se van poñer moi pronto en funcionamento desde a OMIX.
Para contactar coas voluntarias pode enviarse un correo a voluntariado2europeo@gmail.com ou pasarse pola OMIX de 9 a 15 horas.











