Difundir a cultura empresarial e mellorar as infraestruturas tecnolóxicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Presentación

Presentación das conclusións

A difusión dunha cultura empresarial e de innovación, a mellora das infraestruturas tecnolóxicas e o fomento da implantación de sistemas de xestión avanzados baseados nas novas tecnoloxías son algúns dos principais retos da innovación empresarial tanto no Concello de Carballo como na súa área de influencia para os próximos anos. Así o reflicten as conclusións do estudo “A innovación empresarial en Carballo e a súa área de influencia” realizado polo Observatorio Económico Local do municipio durante o ano 2012 e que vén de ser presentado no Viveiro de Empresas da Antena Local da Cámara de Comercio coa presenza do seu presidente, Marcelo Castro-Rial Schuler e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tamén asistiu ao acto o director xeral da Cámara, Gonzalo Ortiz Amor, así como representantes da vida comercial e empresarial da zona. Este estudo consiste nunha análise detallada da innovación empresarial en Carballo e a súa contorna, tendo en conta que forma parte dun sistema de innovación máis amplo que abarca toda Galicia. Segundo Marcelo Castro-Rial, “a innovación é algo que afecta a todos os aspectos dunha empresa para que sexa máis competitiva”, pero é necesario “esforzo e cultura innovadora” así como a colaboración institucional.

No conxunto da comunidade galega, o informe do Observatorio -que foi presentado por Ángel Noguerol, responsable do estudo- constata que, a pesar do esforzo e a intensidade inversora da última década, Galicia segue a ser unha rexión pouco competitiva respecto doutras comunidades españolas, como Madrid ou Cataluña. Así, aínda que as empresas galegas dispoñen dos recursos tecnolóxicos básicos (conexión a Internet, telefonía móbil, etc.), non utilizan ferramentas máis avanzadas que permitan desenvolver a innovación, e centran os seus esforzos en procesos e organización. No caso concreto de Carballo, detéctase que son poucas as empresas que teñen xestionado axudas para a innovación e modernización tecnolóxica. Ademais, existe un déficit, en xeral, na formación en innovación e novas tecnoloxías dos traballadores e traballadoras destas empresas, tanto en Galicia como na área de influencia de Carballo. En base a estas conclusións, o informe sinala os retos de futuro que serían necesarios para corrixir esta situación. Así, en primeiro lugar conviría favorecer a difusión dunha cultura empresarial e da innovación. Sería importante un maior contacto entre os axentes de innovación (universidades, centros tecnolóxicos, etc.) e o tecido empresarial local, incrementando a formación de empresarios e traballadores en I+D+i e cun maior apoio para iniciativas emprendedoras innovadoras.

Mellorar as infraestruturas e políticas de apoio

O segundo dos retos sería o de mellorar as infraestruturas e incrementar a efectividade das políticas públicas de apoio. Sería recomendable potenciar iniciativas como os viveiros de empresas, mellorar as infraestruturas tecnolóxicas e incluso desenvolver un Sistema Local de Innovación que conte coa colaboración de administracións e institucións. Por último, outro dos retos sería mellorar o acceso e a implantación de sistemas avanzados de xestión baseados nas novas tecnoloxías, fomentando o acceso a sistemas de xestión en Internet “na nube”, ou o emprego de ferramentas como a sinatura dixital e a factura electrónica. que contribúen a mellorar o funcionamento das empresas. Hai que mencionar que os resultados deste estudo son o resultado dunha enquisa elaborada polos servizos técnicos da Cámara de Comercio na que participaron un total de 41 empresas de Carballo e a súa área de influencia.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado de pechar o acto de presentación do estudo. Mencionou os “fríos días” que se corresponden “cunha realidade económica tamén fría”, mais subliñou que non é oportuno “para solucionar esta crise só mirar para a prima de risco e a realidade financeira”, senón tamén “crear dinámicas que nos axuden a saír”, mirando para o pasado e para empresas de éxito internacional da contorna como Conservas Calvo e sendo conscientes das posibilidades de futuro que aínda existen. Expresou a necesidade de que as administración e as empresas vaian da man e, para rematar, agradeceu a colaboración institucional entre Concello e Cámara de Comercio, unha colaboración que principiou en 2004 e que espera continúe no futuro.

13 de marzo de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.