Dezasete familias de enfermos de alzheimer participan no curso “O enfermo na casa”
Dezasete familiares de usuarios e usuarias dos centros de día que xestiona AFAL na cidade de Ferrol participan dende onte no curso “O enfermo na casa”. Unha acción formativa completamente gratuíta que consta de cinco charlas formativas. Celebrarase durante toda a semana, en horario de tarde (de 16 a 18 horas), na sede da asociación, na rúa Río Castro, e está impartida por un equipo interdisciplinar integrado pola logopeda Silvia Loureiro; a psicóloga Sofía Bellón; a terapeuta ocupacional Noelia Ríos e a traballadora social Iria Abad.
Con formación teórica e práctica, pretende mostrar ao coidador actitudes positivas a adoptar en canto á alimentación, comunicación, adaptación do fogar, aseo… Ademais, como novidade terapéutica, inclúese un apartado para fomentar a autoestima e guiar as parellas en temas de sexualidade, xa que esta patoloxía afecta a todos os comportamentos do enfermo. Neste último caso, a charla celebrábase esta mesma tarde, a cargo da psicóloga experta en sexoloxía Angeles Saavedra.











