Declaración institucional do Concello da Laracha con motivo do Día da Muller
A Carta Europea da Muller pon de relevo que “a discriminación, os estereotipos educativos, a segregación do mercado laboral, o emprego precario, o traballo a tempo parcial involuntario e a distribución desequilibrada de responsabilidades dos coidados familiares con respecto aos homes afectan ás opcións de vida e á independencia económica de numerosas mulleres”.
É indiscutible que a igualdade entre mulleres e homes ten un impacto positivo no crecemento económico, no emprego e na produtividade das empresas, e é imprescindible para mellorar as taxas de emprego, a competitividade e a cohesión social.
Malia que se produciron avances, as mulleres aínda teñen baixas taxas de actividade, traballan máis a tempo parcial que os homes e abundan máis nos traballos e sectores menos valorados. En xeral, están peor remuneradas e ocupan un número menor de espazos de responsabilidade no ámbito laboral.
A discriminación salarial é un dos máis flagrantes exemplos da desigualdade entre mulleres e homes que, aínda hoxe, persiste no mercado laboral. En España as mulleres perciben un salario anual en torno a un 20 por cento inferior ao dos homes por traballos iguais ou de igual valor.
Ademáis, as dificultades de conciliación no ámbito laboral e familiar seguen afectando en maior grao ás mulleres, e son moitas as que se ven obrigadas a renunciar a proxectos persoais e laborais por facerse cargo dos fillos ou de familiares dependentes.
Debemos progresar no desenvolvemento dun modelo de organización social máis aberta porque mulleres e homes deben ter as mesmas oportunidades de desenvolver o seu proxecto vital en condicións de igualdade.
Neste sentido, o Concello da Laracha foi pioneiro entre os municipios galegos de menos de 15.000 habitantes á hora de comezar a desenvolver políticas de xénero aprobando no ano 2000 o I Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
No ano 2005 púxose en marcha o II Plan, que incluíu a creación do Centro de Información ás Mulleres e constituíu un gran impulso para o desenvolvemento e consolidación dun conxunto de recursos públicos e actuacións estables dirixidas a todas as mulleres do municipio.
Actualmente está en vigor o III Plan de Igualdade, aprobado no ano 2011, un documento no que se pon de manifesto que na Laracha as políticas de xénero ocupan un lugar prioritario da axenda municipal e reclama a participación, complicidade e implicación de todos os axentes sociais nesta materia.
Coa finalidade de alcanzar o ideal da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, o Concello da Laracha secundará os programas de apoio empresarial a muller que poñan en marcha o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino e o autoemprego.
Así mesmo, instamos ao Goberno do Estado a elaborar durante este ano 2013 un Plan Estratéxico contra a Discriminación Salarial entre mulleres e homes co fin de identificar e erradicar a inxusta e inxustificable brecha salarial entre ambos sexos.











