Cultura organiza o concurso de relatos curtos “Concello de Ares” para estudantes da ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

O Concello de Ares, a través da área de Cultura, organiza un concurso de relatos curtos dirixido a nenos e nenas matriculados en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. Esta iniciativa foi presentada esta mañá aos grupos da oposición por parte do edil desta concellaría, o socialista Eugenio Fernández Lago, no marco da comisión informativa da área e, como dixo, enmárcase dentro dos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas e, polo tanto, deberán presentarse escritos nesa lingua.

Segundo consta nas bases, o tema é libre e cada autor/a poderá presentarse cunha única obra, establecendo a obrigatoriedade de que os ontos sexan inéditos e non teñan sido premiados anteriormente en ningún outro certame.

As narracións deberán ter unha extensión máxima de oito folios, escritos a ordenador, a dobre espazo e por unha única cara, con letra Arial 12. Ademais, incluirán unha portada relacionada coa temática do conto en cuestión.

Por outra banda, as bases establecen que os relatos poderán presentarse asinados con lema ou con seudónimo, que deberá figurar xunto co título da obra nun sobre pechado. No interior do sobre tamén deberán constar a identidade do autor ou autora, o seu teléfono, enderezo actual, correo electrónico (se o tivese) e fotocopia do DNI.

Os orixinais entregaranse na biblioteca municipal de Ares, ubicada no número 11 da rúa María (edificio da Alianza Aresana), entre o luns 1 de abril ata o martes 30 dese mesmo mes, en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.30 a 20.00 horas. En canto ao acto de entrega de premios, terá lugar un día antes da celebración das Letras Galegas, isto é o 16 de maio, no salón de actos da biblioteca municipal, ás sete da tarde.

A este respecto, haberá un primeiro premio consistente nun E-book e dous finalistas, que recibirán sendos mp4. Todos os rapaces que tomen parte neste certame recibirán un diploma acreditativo e, ademais, os relatos gañadores serán publicados na páxina web do Concello.

Exposición “Camiños de Santiago da pintura”

Por outra banda, na comisión de Cultura de hoxe tamén se deu conta da próxima inauguración da exposición de Francisco Pérez Alonso. Esta mostra, que recolle obras de edificacións e paraxes do Camiño Inglés realizadas polo artista ao longo de 2012, poderá visitarse na Alianza Aresana entre os días 18 e 30 deste mes de marzo, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas.

“Camiños de Santiago da pintura” é o nome da exposición, que está a facer un percorrido por diferentes concellos de Galicia, como Ferrol, A Coruña, Betanzos, Narón ou, agora, Ares.

15 de marzo de 2013 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.