Culleredo saca a licitación un plan de melloras municipais por 327.000 euros
O Concello de Culleredo saca a licitación o plan de actuacións de mellora do municipio, incluídas no programa DTC-94 que financia a Deputación da Coruña. A contratación, que consta de 9 paquetes de obras e intervencións, ascende a 327.733,88 euros.
O goberno local que preside Julio Sacristán confeccionou un conxunto de actuacións para mellorar algúns dos espazos que utilizan os veciños en todas as parroquias. As obras que se acometerán son as seguintes:
– Pavimentación núcleo de Orro: 30.288,30 euros
– Construción de beirarrúas e asfaltado na rúa Xafontes: 41.008,87 euros
– Asfaltado da rúa Os Templarios: 35.205,56 euros
– Diversas pavimentacións no Burgo, Celas e Culleredo: 37.388,44 euros
– Reparacións xerais en beirarrúas e aparcadoiros e reposición de papeleiras: 49.996,23 euros
– Reparacións rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte: 31.232,10 euros
– Reparación senda peonil da Corveira: 31.107,22 euros
– Reparación do valado da polideportiva detrás da Praza Daniel Rodriguez Castelao, ponte no Paseo Marítimo e varanda en Avda. Ribados: 34.209,43 euros
– Reparación do muro existente, pavimento, varanda de protección e beirarrúas en rúas Alfonso VII e Mosteiro de Carracedo: 37.297,73 euros
O Concello seleccionou os puntos que demandaban unha actuación municipal dado que se foron deteriorando co paso do tempo. Entre as melloras planeadas destaca o acondicionamento da zona que concentra unha maior actividade comercial e lúdica do municipio: as rúas peonís do Burgo.
Outro dos lugares que se mellorarán será o paseo marítimo do Burgo. A ponte que pasa por enriba da lagoa require dun limpamento, que o equipo de goberno realizará con este plan.
Para os peóns está pensado boa parte deste programa. No núcleo da Corveira, o Concello creará unha senda peonil que permitirá comunicar a zona alta coa rúa Electo Carballo, mellorando substancialmente a mobilidade.
A rúa Xafontes, en Vilaboa, verá melloradas as súas beirarrúas e asfaltado o seu firme, ao igual que a rúa Mosteiro de Carracedo. Tamén se asfaltará a rúa Templarios, no Burgo, renovarase o firme do núcleo de Orro, e efectuaranse diversas pavimentacións nas parroquias de Celas, Culleredo e O Burgo.
Na rúa Alfonso VII instalaranse varandas para mellorar a seguridade vial. Finalmente, o goberno municipal inclúe un paquete de reparacións xerais en beirarrúas e aparcadoiros e instalación de papeleiras, que se acometerán ao longo do municipio.
As empresas interesadas en optar á contratación dispoñen de 26 días naturais, contados dende mañá mércores, para formalizar a súa oferta.











