Culleredo inicia hoxe a formación para o emprego de mulleres cun curso en competencias clave

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

Desde hoxe 18 de marzo e ata o día 7 de xuño, as Concellarías de Muller e de Benestar Social do Concello, en colaboración co Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas, desenvolverán un curso formativo en Competencias Clave dirixidas, neste caso, a mulleres que precisen dunha formación básica para poder acceder aos cursos da SEPE e polo tanto, ao mercado laboral.

Este curso responde ao Real decreto 34/2008, de 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade no que se establece que os devanditos certificados son o instrumento da acreditación oficial das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais no ámbito da Administración laboral, que acredita a capacitación para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación para o emprego e que asegura a formación necesaria para a súa adquisición.

Ao alumnado que acceda ás accións de formación dos certificados de profesionalidade de nivel 1 de cualificación non se lles esixirán requisitos académicos nin profesionais. Estas competencias clave comprenden un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento como Lingua Galega, Lingual Española e Matemáticas.

A devandita formación desenvolverase no Local Social da Costa da Lonxa, durante 75 horas distribuídas en tres días á semana, de marzo a xuño, e acollerá a un total de 25 alumnas de Culleredo, Cambre e Carral. Ao remate das sesións, as participantes terán que realizar unha proba
sobre cada unha das competencias que serán avaliadas polo Instituto Galego de Cualificacións e que se realizará para toda Galicia en Silleda.
Fomentar a formación das mulleres cara o acceso ao emprego é un obxectivo primordial para a concellaría de Muller, segundo explica a concelleira nacionalista, Rocío Sampedro polo que dende os diferentes ámbitos tenta servir de axente facilitador e motivador a través de accións ou actividades coma esta.

Mulleres emprendedoras no rural

O vindeiro mércores 20 de marzo, ás 17.00 horas, na Reitoral de Celas, impartirase unha charla a cargo de especialistas, que leva por título as súas destinatarias: Mulleres emprendedoras no rural. Nela tratarán temas relacionados coa aprendizaxe de sistemas de formación de empresa, de deseño, creación de marca, das vantaxes de tenda online, técnicas de venda en xeral, de como trasformar unha idea no mellor negocio dende o rural.

Promocionar o rural e incentivar a foramción das mulleres que viven nesta zona en base ás súas necesidades é un dos obxectivos que xurden á vista da estrutura territorial existente no noso país, sinala a concelleira de Muller do Concello de Culleredo, Rocío Sampedro Díaz.

18 de marzo de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.