Crespo presentou en Cabeceiras de Basto a Feira do Cocido de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+
Crespo na presentación

Crespo na presentación

O alcalde de Lalín, José Crespo, e mailo concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, presentaron hoxe na localidade lusa de Cabeceiras de Basto a Feira do Cocido de Lalín (Norte de Portugal), dentro da campaña de internacionalización da feira lalinense na procura do recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.

O acto comezou cunha presentación aos medios de comunicación do norte de Portugal e aos operadores turísticos e empresariais da comarca de Basto na que participaron os dous representantes lalinenses; o presidente da Cámara de Cabeceiras de Basto, Joaquím Barreto; o presidente da Asemblea municipal, Serafín China; que foron introducidos pola vereadora de Turismo, Fátima Oliveira, que destacou as semellanzas existentes entre as dúas localidades situadas a ambos lados da fronteira.

Rodríguez encargouse de situar Lalín e as súas características para os convidados lusos, destacando os atractivos turísticos, paisaxísticos e gastronómicos como reclamo para visitar Lalín e convertelo nun punto de atracción para os veciños desta zona.

Aínda con semellanzas, as características diferenciadoras existentes entre Lalín e Cabeceiras de Basto“son suficientes para xustificar unha visita e poder gozar das nosas paisaxes, comercio, cultura e gastronomía”.

Crespo comezou a súa intervención sinalando que“é unha honra vir para estar  hoxe en Portugal porque sempre gustei moito de vir a Portugal, ao igual que Joaquím Barreto dixo que se sentía moi a gusto en Lalín”. Afirmou que“temos similitudes para facernos fortes e competitivos”.

Neste sentido dixo que“en Lalín atopamos unha imaxe de marcha, a Feira do Cocido, o prato rei da gastronomía galega, que fomos enriquecendo en cada edición para promocionar Lalín”, remarcou. “Vendemos gastronomía, moda galega, produtos autóctonos, etc. ao redor da Feira do Cocido, non só durante a semana anterior ao Entroido, senón durante xaneiro, febreiro, marzo e abril”, sinalou. Neste sentido remarcou que esta presentación en Cabeceiras se enmarca dentro do proceso de internacionalización da Feira, como un chanzo máis para alcanzar o dito recoñecemento.

De igual modo, incidiu nos lazos existentes entre o Cocido de Lalín e o portugués e citou: o irmandamento entre o Cocido de Lalín e a Broa de Avintes no 2004; o encontro entre o Cocido de Lalín e o Cozido á Portuguesa 2010; o Cocido en Azores en 2010 e o Cocido en Viana do Castelo (2012).

Por último, o rexedor lalinense deu as grazas á Cámara de Cabeceiras de Basto pola “sensibilidade amosada connosco”. “Podemos facer cousas no futuro que sexan rendibles; o importante é ter vínculos de unión, que son moitos”, rematou.

O presidente da Cámara de Cabeceiras de Basto, Joaquím Barreto, deu as grazas ao alcalde e ao concelleiro de Turismo pola súa colaboración e volveu reincidir na importancia do achegamento entre ambas localidades. Neste sentido fixo fincapé na alianza existente entre Cabeceiras de Basto e Lalín, que foi materializada a través dun protocolo de colaboración entre ambas as dúas localidades, en base ás súas similitudes nos aspectos históricos, económicos, culturais ou sociais.

8 de marzo de 2013 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.