Crespo mantén un encontro no parlamento europeo con Herranz e Ayuso

Encontro no Parlamento Europeo
O alcalde de Lalín, José Crespo, e o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, aproveitaron a presenza en Bruxelas para manter un encontro, no Parlamento Europeo, coa voceira española da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, a rioxana Esther Herranz, e coa vivevoceira de dita Comisión, Pilar Ayuso. Unha reunión de traballo na que tamén participou o eurodeputado galego, Francisco Millán Mon, que actuou como anfitrión da expedición lalinense.
Na axenda de traballo de Crespo, o primeiro dos temas que se abordou foi a situación do sector lácteo galego. O rexedor lalinense propuxo “a necesidade de que se artellen as medidas necesarias para que os produtores poidan vender o seu leite a un prezo digno que cubra os custos de produción”. Unha medida que o primeiro edil lalinense cualificou de “clave para a pervivencia do sector”. Herranz coincidiu con Crespo “na necesidade de atopar solución para un problema estrutural polo que tamén estamos preocupados en Bruxelas”.
Como una ferramenta “para achegar valor engadido ás explotacións” e un xeito de “aportar ingresos extras nestos momentos complexos”, o alcalde presentou a Herranz e a Ayuso o proxecto piloto “soutos” polo que, grazas a un convenio coa Deputación de Pontevedra, se poderán acondicionar soutos existentes e plantar novas zonas con castaños para a produción destes froitos autóctonos. Un proxecto que interesou especialmente a Ayuso, especialista no tema, que explicou que “é un proxecto interesante non só dende o punto de vista produtivo, senón mesmo medioambiental e polo que implica de fixación do solo ao captar espazos a praderías para pasar a arborado, o que contribúe e redunda nunha menor erosión do terreo”.
Herranz veulle encaixe “a este proxecto ao abeiro dos programas de desenvolvemento rural da Unión Europea polo que implica de mellora paisaxística, creación de emprego e fixación de poboación e valorouno como unha boa alternativa ás producións máis convencionais como as do sector lácteo”.
Crespo tamén fixo alusión na reunión ao estudo xenético que se elaborará ao abeiro do programa Depodeza da Deputación de Pontevedra. O “porco lalaíno” pareceu interesante ás eurodeputadas que indicaron que “algunas das IXP que hai na Unión Europea naceron deste xeito e coa axuda do organismo supranacional” e indicaron que “en caso de éxito estarían encantadas de recibir de novo ao alcalde para falar da IXP para o porco lalaíno”.
PROXECTOS PRODUTIVOS RURAIS
Por último, Crespo e Rodríguez explicaron proxectos produtivos rurais como “A Hortiña da praza, Coas mans na Terra e a difusión e venda dos productos delicatesen (Summun Delicatessen)”, uns proxectos que a voceira española da comisión de Agricultura indicou que “teñen cabida todos xuntos e unidos ao tema dos soutos e da mellora do porco nun PDR (Plan de Desenvolvemento Rural) que aglutinase todas estas medidas que perseguen o obxectivo destes plans, incrementar a producción, a mellora medioambiental, a creación de emprego e a fixación da poboación”
Tras a reunión no Parlamento Europeo o alcalde agradeceu ao anfitrión Francisco Milán Mon o ter xestionado a reunión de traballo coas dúas integrantes da Comisión Europea de Agricultura e Desenvolvemento Rural.











