Corvillón contará con parque biosaudable e pista de skate
O Concello ten previsto acometer este ano un proxecto de mellora e ampliación de parques infantís que vai incluir a instalación dun parque biosaudable e pista de skate no campo de A Seca, en Corvillón. En Castrelo prevese a instalación dun flamante parque infantil dotado con elementos de última xeneración, adaptados á normativa europea e con solo amortiguador de impactos.
Cos parques biosaudables municipais preténdese facilitar medios ás persoas maiores para facer exercicio e mellorar a súa calidade de vida, ademais de sensibilizalas da necesidade de coidar a súa saúde. Asemade, foméntanse lugares de encontro e divertimento para os usuarios, ó mesmo tempo que se axuda a conservación de zonas verdes.
Na zona de A Seca (Corvillón) vaise instalar unha pista de skate como lugar de encontro para mozos e mozas que poderán exercitarse no patinaxe, así como compartir experiencias e practicar unha modalidade deportiva moi suxestiva. Será a primeira pista deste estilo que se instale en Cambados e nela os practicantes poderán desenvolver as súas habelencias coas proteccións regulamentarias.
Por outra banda, vaise retirar o peche metálico existente no parque infantil situado por detrás da Oficina de Turismo, pois atópase deteriorado e cómpre sustituilo por outro de características semellantes. Esta intervención faise para previr e asegurar a utilización deste espazo de lecer infantil.
Finalmente o proxecto, subvencionado con cargo ó Plan de Investimentos da Deputación, inclúe a mellora do mantemento no pavillón deportivo do colexio de San Tomé coa instalación da recollida de augas pluviais, mediante a colocación dunha caneleta e baixantes conectadas a rede existente.











