Coruña Mayúscula arranca o 20 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a segunda edición do festival Coruña Mayúscula, que se desenvolverá este mes, entre o 20 e o 24 de marzo, no centro sociocultural Ágora. Entre as actividades previstas destacan a proxección da película Invasor, e a celebración de talleres de relato e poesías, charlas e coloquios e sesións de teatro, cine e performance.

O festival arranca coa exposición fotográfica de Asís G. Ayerbe de 54 retratos de autores da literatura universal: Antonio Muñoz Molina, Clara Sánchez, Enrique Vila Matas, Dai Sijei, Erri de Luca ou Ramón Pernas, entre outros: “Invito a todos os coruñeses e coruñesas a que se dean un paseo polo vestíbulo da Ágora para somerxerse nunha mostra atípica de retratos destes autores que identifican a súa obra e a súa persoa, así como as ideas que foron xurdindo no encontro co fotógrafo e a súa mirada”.

Nesta segunda edición, tal e como destacou a responsable de Cultura, Coruña Mayúscula pretende consolidarse como “unha cita anual para os creadores e un escaparate para os lectores nun espazo de intercambio de pensamento e experiencias”. O festival mantén a súa esencia de facer da Ágora un centro de reunión, o lugar perfecto para promover a cultura entre a sociedade. “O obxectivo é divulgar o coñecemento da literatura e a palabra, entre o público de todas as idades e crear espazos de dialogo coa música, a danza, a fotografía e o teatro,” destacou Ana Fernández. A festa da palabra congregará máis de 30 autores, entre os que destacan Manuel Rivas, Fernando Marías, Yolanda Castaño, Ada Salas, Kepa Murua ou Jordi Corominas, que lerán os seus propios textos para os alumnos de institutos de Ensino Secundario en horario de mañá.

Os talleres que se desenvolverán serán totalmente gratuítos. Os de relato serán impartidos por Anxo Zapata, mentres que o de poesía correrá A Cargo de Gonzalo Escarpa. O máximo de prazas será de 15 persoas polo que se realizará un proceso de selección no que se terán en conta as motivacións e obxectivos dos que desexen asistir. As preinscricións poderán realizarse a través da web do Festival www.corunamayuscula.es.

Unha das novidades desta edición é o programa Novos que, en colaboración coa Fábrica, pretende sacar á luz novas plumas no campo da literatura galega e española. Para participar neste proxecto os interesados deberán inscribirse na web de Coruña Mayúscula. Será un xurado de profesionais quen seleccionará aos 20 finalistas que terán a oportunidade de entrevistarse con Toño Angulo Danieri (xornalista, editor e profesor do máster ABC – UCM), Julián Rodríguez (editor e fundador da editorial Periférica), Xan Arias (editor fundador da editorial Trifolium), Javier Azpeitia (escritor e editor) e Diana Zaforteza (directora da Editorial Alfabia). Todos eles os asesorarán sobre o seu traballo e orientaranos e aconsellarán sobre posibles saídas profesionais.

Coruña Mayúscula poñerá en marcha, ademais, unha iniciativa que non pasará desapercibida: “A autora a autora Graza Igrexas permanecerá no escaparate da libraría Arenas durante os 4 días de festival, onde escoitará persoalmente ou a través das Redes Sociais a todo aquel que queira contarlle a súa historia, un recordo ou manter viva a memoria dun ser querido. Con estes testemuños Graza Igrexas confeccionará, dentro do propio Festival, unha instalación sonora,” explicou Ana Fernández.

Catro xornadas de literatura

Coruña Mayúscula divídese en 4 xornadas. Na primeira, o día 20, o cine ocupará un lugar predominante. Ás 20.00 horas, proxectarase a longametraxe Invasor de Daniel Calparsoro, o filme baseado na novela homónima de Fernando Marías e rodado na Coruña. Tras a proxección da película, arredor das 21.45 horas, haberá unha charla coloquio con Javier Gullón, guionista de Invasor, Fernando Marías, autor da novela, e Borja Pena, produtor e socio de Vaca Films.

Para conmemorar o 21 de Marzo, Día Mundial da Poesía segundo a Unesco, de 18 a 20 horas, arrancarán os talleres de lírica e relato (é necesaria a inscrición), que darán paso, a partir das 20 horas, no auditorio da Ágora, a unha viaxe literaria pola obra de Manuel Rivas que, acompañado de María Canosa, lerá fragmentos da súa obra. Ás 21 horas, nese mesmo espazo, terá lugar un recital onde se mostrará a riqueza e variedade do acto poético na actualidade. Participan: Kepa Murua (Zarautz, 1962), Gonzalo Escarpa (Madrid, 1977), Carmen Camacho (Xaén, 1976), Pablo García Casado (Córdoba, 1972), Dores Tembrás (Bergondiño, 1979) e Ada Salas (Cáceres, 1965). Para rematar a celebración do Día Mundial da Poesía, Coruña Mayúscula 2013 rematará esta noite poética ofrecendo o seu escenario a todo aquel que desexe ler os seus propios temas.

O venres 22 de marzo, Santiago Roncagliolo (Lima, 1975) presentará a súa nova novela, Óscar e as mulleres (Alfaguara), cuxos primeiros capítulos foron publicados, por entregas en Internet. Acompañará ao autor Xesús Fraga (Londres, 1971). E a partir das 22 horas, será a quenda de Manuel Vilas (Barbastro, 1962) que volve á Coruña un ano despois e logo de que o seu libro Gran Vilas (Visor, 2012) estivese máis de dez semanas entre os máis vendidos.

O 23 de marzo, ás 21 horas, proxectarase unha selección das vídeo creacións que, a xuízo do seu director, Lury Lech, están máis relacionadas coa palabra. Este evento, que conta coa colaboración de MADATAC, ten como obxectivo servir de plataforma para videoartistas e creadores audiovisuais que buscan renovar a linguaxe da narrativa cinética convencional. Ese mesmo día, a partir das 22 horas, será a quenda de Jordi Corominas e o seu Loopoesía 2013: Os lotófagos, un espectáculo multidisciplinar que o propio autor recita en directo, acompañado de mesturas musicais, proxeccións audiovisuais, escenografías e actuación teatral da súa propia colleita. 47 minutos de vertixe, reflexión e diversión que apostan por quitar á poesía a súa solemnidade para achegala ao público.

Mesas redondas

Dentro do festival Coruña Mayúscula 2013 tamén haberá momentos para a reflexión. Serán varias as mesas redondas que traten temas de actualidade como:

– O 22 de marzo, ás 20 horas. Novas formas de contar. Participarán Domenico Chiappe, Germán Sierra e Javier Pintor.
– o 23 de marzo, ás 20 horas. A escrita Galega, unha literatura invisible?, con Luis G. Tosar, Ramón Nicolás e Tucho Calvo.
– O 24 de marzo, ás 20 horas. Piar do Río, viúva de José Saramago e tradutora das súas últimas obras, xunto a Carmen Becerra, trazará un perfil biográfico literario do Premio Nobel portugués ao que o festival rende homenaxe nesta edición.

Como colofón, o festival despídese coa obra de teatro Ao carallo a poesía! unha mostra do fascinante que pode chegar a ser o mundo das palabras, do ritmo e da estrofa, para encontralos outros sentidos, outras formas de dicir, outros modos de escoitar. Dous actores interpretan, reinventan, recrean, achegan a poesía á vida ou a vida á poesía, buscando recuperar o pracer da palabra escrita, lida ou escoitada. Atrapan a palabra e lévana ao seu terreo: ao teatro. A representación correrá a cargo da compañía Raízde4teatro e será o domingo 24 de febreiro ás 20.30 horas. A entrada será gratuíta ata completar aforamento.

5 de marzo de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.