Corenta persoas participan nos cursos de manipulador de alimentos
O Concello de Ribadumia desenvolve hoxe e mañá dúas novas edicións do curso para obter o certificado de manipulador de alimentos. Un total de corenta persoas participan nestas accións formativas, que se imparten na Casa da Cultura de Ribadumia.
Esta acreditación esíxeselles a todas aquelas persoas que na súa actividade laboral teñen contacto directo cos alimentos durante a súa preparación, fabricación, transformación, elaboración, envasado, almacenamento, transporte, distribución, venda, subministro e servizo. Algúns dos traballos nos que se esixe este documento son na hostalaría, nos supermercados, na vendima, nas adegas, nas conserveiras, nas empresas de reparto ou mesmo como monitores do comedor escolar.
O curso de formación ten unha duración de tres horas e inclúe ensinanza teórica e un exame que certifica que o alumno é apto para a obtención do carné.
Xa son catro os cursos de manipulador de alimentos que se organizaron desde o inicio do ano, o que permite que un total dun centenar de veciños de Ribadumia e doutros lugares da comarca dispoñan xa deste certificado.
Curso de carretilleiro
Por outra banda, o Concello de Ribadumia está organizando unha nova edición do curso para a obtención do carné de carretilleiro. A reserva de prazas xa está aberta na Casa do Concello. O curso desenvolverase os días 12 e 13 de abril. O carretillero acostuma a traballar en almacéns e encárgase da condución de carretillas, sexan automáticas, semiautomáticas ou manuais. A súa función é trasladar a mercancía ou material dun lugar a outro, aproveitando ao máximo o espacio do almacén e dominando as maniobras máis comúns, respectando todas as medidas de prevención e riscos laborais implantados.
Durante o curso, que inclúe horas prácticas en carretilla elevadora, o alumno coñecerá os elementos da carretilla, aprenderá a facer as maniobras máis comúns e coñecerá a sinalización que pode atopar nas empresas, así como as normas de seguridade específicas, como se debe xestionar un almacén, os riscos laborais…
O Concello de Ribadumia organiza varias veces ao ano este tipo de cursos, cuxo obxectivo é ofrecer novas posibilidades de formación ás persoas interesadas en dous sectores con gran demanda laboral.











