Convenio de colaboración coa asociación Medrando á Par
O Concello de Dodro a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, con data 13 de marzo de 2013 firmou convenio de colaboración coa asociación Medrando á Par, dando así comezo a un proxecto que nace da necesidade de atopar respostas ás inquedanzas que teñen todas as familias para que o labor de educar aos fillos/as sexa o máis satisfactorio posible e que a súa vez permita aproveitar e disfrutar do tempo con eles.
Nace así un novo programa de apoio familiar no que se abordan temas de interes educativo a través de reunións quincenais con pais/nais e nenos/as entre 0 e 6 anos. O Concello facilita as instalacións axeitadas para o desenvolvemento das reunións coas familias, e os medios necesarios para levalas a cabo.
Medrando á Par proporciónalle ás familias un servizo integral de orientación e apoio á familia que conta cun equipo multidisciplinar de profesionais e unha serie de medios que están a disposición das familias: ludoteca, servizo de lectura para pais/nais e nenos, materiais escritos…
Queremos que este sexa un primeiro paso nun largo camiño de colaboración entre as dúas institucións ó abeiro do interese común e a preocupación que compartimos de mellorar a educación e que permita que este paso nos leve nun futuro a acadar unha sociedade mellor, convencidos de que, entre todos, podemos conseguilo.
As familias interesadas en participar no programa ou en recibir máis información poderán acudir á primeira reunión que terá lugar no local social de Imo o mércores 10 de abril de 16,30h a 18,30 h.











