Continúa a campaña “O Concello Escoita” polas parroquias do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Unha das xuntanzas veciñais

Unha das xuntanzas veciñais

Continuando coa política de participación cidadá, promovida dende o Concello de Tomiño, o goberno local continúa a desenvolver a campaña “O Concello Escoita”, consistente nunha rolda de xuntanzas informativas polas parroquias do municipio.

A iniciativa pretende, ademais de informar sobre os orzamentos e os proxectos contemplados para o presente ano, escoitar as necesidades de cada parroquia, de boca dos propios veciños e veciñas, e tomar nota das propostas que queiran facer.

Ata o momento nas reunións mantidas, houbo unha media de 30 persoas por parroquia. A maioría dos veciños e veciñas asistentes amosaron o seu interese por estar informados e participar na vida pública do municipio.

Logo da presentación da iniciativa e a exposición de temas relativos ao funcionamento do Concello, orzamentos municipais (partidas de gastos e ingresos; proxectos e investimentos previstos), as persoas asistentes plantexan as súas dúbidas sobre diferentes aspectos; sendo a maioría das consultas sobre saneamento (en especial queren saber se hai novidades sobre a obra do colector xeral), arranxos de estradas e camiños, puntos de luz, lixo, estado das obras da vía rápida e transporte.

Algunhas das peticións veciñais teñen que ver con competencias do Concello, e outras coas do goberno autonómico. Porén, todas son recollidas para tentar darlles unha solución.

Ás xuntanzas acoden habitualmente a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Uxío Benítez e os edís de Obras e Medio Rural.

A rexedora agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos. Asemade, convida a veciños e veciñas a achegarse ás xuntanzas previstas no calendario de visitas.

Segundo o devandito calendario, as visitas desta semana son as de Taborda (luns 4 de marzo no bar Cruceiro); Amorín (mércores 6 de marzo na Casa dos Mestres) e Currás (xoves 7 de marzo no Centro Social) ás 20.30 horas. As da semana entrante son: Forcadela (luns 11, Casa dos Mestres); Tomiño (mércores 13, Casa da Cultura, e Estás (xoves 14, Centro Cultural), todas ás 20.30 hs.

7 de marzo de 2013 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.