Concello e USC abordan as necesidades do Campus e preparan un novo convenio

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Local Portada ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+
Reunión no salón verde de Raxoi

Reunión no salón verde de Raxoi

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o reitor da USC, Juan Casares Long, mantiveron unha reunión de seguimento do convenio de colaboración entre Concello e Universidade para o período 2005-2015. Abordaron as necesidades máis urxentes no Campus e as fórmulas para afrontalas, así como unha actualización das necesidades co fin de preparar un novo convenio que substitúa ao actual a partir 2015. Ángel Currás recoñeceu que o convenio actual “xa perdeu a súa vixencia”, xa que “a maior parte das actuacións tiñan que executarse antes de 2011”. Apuntou que ata a chegada do actual Goberno municipal non se cumpriran os compromisos en mantemento de vieiros, beirarrúas e zonas verdes. Neste sentido, salientou que non se investira nada no mantemento de zonas verdes, materia á que “o Concello destinou 300.000 euros en 2012, que era a cantidade prevista anualmente para este fin”.

Na reunión marcáronse as actuacións máis urxentes que precisa o Campus en materia de reposición de lousas, reparación de pavimento, alumeado ou saneamento. O alcalde indicou que a Brigada de Vías e Obras acometerá as actuacións máis prioritarias nuns “doce puntos negros” dentro das partidas orzamentarias destinadas ao mantemento.

Cara o novo convenio, segundo apuntou o alcalde, na reunión estableceuse o marco e as liñas xerais de colaboración, con fin “reformulalo” e de “ver que competencias pode asumir cada institución” nun “escenario complexo”. Agora serán os técnicos municipais e os da USC os que analicen e actualicen as necesidades do Campus co obxectivo de perfilar os termos nos que se poida redactar o novo convenio. Puxo como exemplo destes aspectos a concretar as deficiencias dunha rede de saneamento antiga e que está a causar importantes problemas, ou o alumeado.

Non estará neste convenio, pero tal vez si poida estar noutro –apuntou Juan Casares- a construción da futura Facultade de Medicina. O reitor indicou que “primeiro é preciso resolver a cuestión do vello hospital de Galeras”, cuestión sobre a que agarda que en verán se poida ter unha plantexamento que presentar ao Concello. Neste tema, o alcalde ofreceu a colaboración para estudar o cambio de usos desa parcela, enmarcada na reurbanización e revitalización desa zona de Galeras, nunha parte da cal se está construíndo nestes intres. A recuperación desta parte da cidade completarase co futuro centro de saúde do Casco Histórico e, en fronte, coa recuperación do parque público da Finca do Espiño.

26 de marzo de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.