Concello e Deputación informan sobre cómo reducir o consumo enerxético no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+
Charla cos alumnos de secundaria

Charla cos alumnos de secundaria

Alumnado de secundaria do CPI Julia Becerra Malvar participou esta mañá nunha charla formativas sobre aforro enerxético e eficiencia enerxética. Trátase dunha campaña de divulgación sobre recursos enerxéticos para escolares e adultos que poñen en marcha a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ribadumia coa colaboración do CPI Julia Becerra Malvar e da Asociación de Mulleres Rurais Umia. Xa pola tarde, será quenda dos adultos, que poderán participar na charla que se organiza no Centro Social de Barrantes ás 19.00 horas. O obxectivo é ofrecer información básica que permita racionalizar as actuacións no fogar e diminuír a dependencia enerxética, así como valorar as consecuencias que ten sobre o medio.

Así, a campaña está composta por material informativo e actividades para nenos e adultos. Baixo o lema “Colabora co planeta, axuda ao noso futuro”, ofrecen consellos prácticos para aforrar enerxía e diñeiro en calefacción e auga así como nos electrodomésticos no fogar. Como exemplo, recoméndase apagar a calefacción mentres se durme e pola mañá esperar a ventilar a casa, durante dez minutos, para acendela; tamén se propón cambiar as billas independentes de auga fría e quente por unha única billa de mestura; desconxelar o frigorífico antes de que a capa de xeo alcance os 3mm de espesor ou non abrir innecesariamente o forno, xa que cada vez que se fai se perde, como mínimo, o 20% da enerxía acumulada no interior.

Algúns dos contidos da charla son o sistema enerxético; coñecer os consumos e xestión da facturación; mellora dos hábitos e na eficiencia; e as enerxías renovables. Con todo, Concello e Deputación pretenden informar á cidadanía das cuestións básicas que permiten asumir a importancia da enerxía, promovendo comportamentos responsables e aforradores no consumo doméstico e incorporando actitudes e decisións de eficiencia enerxética nos propios fogares.

21 de marzo de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.