Comezan cos preparativos da II RUTA BTTinto de Barrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioDeportesLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia xa comeza a organizar a segunda edición da Ruta BTTinto, que se disputará en Barrantes o vindeiro domingo 2 de xuño, coincidindo coa celebración da Festa do Viño Tinto do Salnés. Tras o éxito da primeira convocatoria, na que superaron todas as expectativas coa participación de máis de 1.000 persoas chegadas de toda Galicia e incluso doutras comunidades autónomas, xa se están dando os primeiros pasos para repetir os resultados conseguidos na primeira edición da proba. Para a súa organización, o Concello de Ribadumia volve a contar coa colaboración dos clubs CC Armenteira e Punto, CDM Xesteiras e Salnés Bici.

Ao igual que en 2012, a Ruta BTTinto será unha ruta libre, non federada e gratuíta. Á espera de confirmar o trazado final da ruta e as novidades que se introducirán nesta edición, desde a organización xa se están dando os primeiros pasos para solicitar os permisos precisos ante as diferentes administracións e organizando a limpeza da ruta. Asemade, tamén se establecen os primeiros contactos coas persoas voluntarias que participaron o ano pasado e que, confían desde a organización, volvan a repetir nesta edición. O Concello de Ribadumia contou na cita deportiva coa colaboración de 100 voluntarios, que se sumaron aos voluntarios de Protección Civil de Ribadumia, Meis e Cambados. Estarán dispersos ao longo de toda a ruta, velando pola organización e o bo funcionamento da proba.

Ao ser unha ruta libre, cada participante poderá ir ao ritmo que queira, sempre respectando as ordes da organización, nunca adiantando ao vehículo de cabeza de carreira nin quedando por detrás do vehículo que pecha a marcha.

Desde o Concello de Ribadumia agradécese a colaboración dos clubs CC Armenteira e Punto, CDM Xesteiras e Salnés Bici, xa que aportarán a súa experiencia e o seu coñecemento tanto para marcar o percorrido máis adecuado, para mobilizar a participación dos amantes do BTT e para buscar colaboradores que faciliten carpas, banderolas de meta, inchables, agasallos para sortear entre os participantes e avituallamento. Así, algunhas das marcas que xa confirmaron a súa colaboración coa ruta son Spiuk, Cannondale, Sportful ou Maxim.

Ao coincidir coa celebración da XL Festa do Viño Tinto do Salnés, esta proba súmase á programación proposta polo Concello de Ribadumia para celebrar a súa festa grande en Barrantes. Así, os participantes na ruta BTTinto e os seus acompañantes tamén poderán disfrutar do resto de actividades que se incluirán na programación da festa.

22 de marzo de 2013 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.