Cid presenta o servizo de asesoramento a empresas que prestará a OMIC
O Tenente de Alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, presentou esta mañá o novo servizo de asesoramento a empresas e a profesionais que a partir de hoxe prestará a OMIC. Este servizo ponse en marcha a causa do importante número de consultas recibida polo sector empresarial sobre os seus dereitos e obrigas. Este servizo prestarase ás empresas da cidade, de todos os sectores, que comercialicen bens ou presten servizos a consumidores finais e que demanden información e asesoramento en materia de consumo para a correcta xestión do seu negocio nesta materia.
Tal e como explicou Cid, “dende o punto de vista de consumo detectamos unha carencia, por parte dos profesionais e os empresarios, á hora de ser coñecedores tanto dos seus dereitos coma das súas obrigas e este é o motivo de que decidísemos dar un paso máis e ofrecer este servizo”.
O asesoramento que se realizará será individualizado e confidencial, a través dun equipo experto, que atenderá a resolución das súas dúbidas nunha ou varias citas, logo de solicitude. Mediante este novo servizo as empresas e profesionais poderán recibir información en materia de consumo, tales como xestión de pagamentos con tarxeta, tíckets de caixa, garantías dos produtos, presupostos previos, cambios e devolucións, documentación a entregar aos consumidores e usuarios, como xestionar unha reclamación no seu establecemento ou nos servizos de consumo, ofertas e promocións, horarios comerciais, a seguridade dos produtos e o Sistema Arbitral de Consumo. Tamén se lles informará sobre a forma de xestionar as súas propias reclamacións ante problemas que lles poidan xurdir cos seus propios provedores de produtos ou servizos.
As persoas interesadas neste novo servizo poderán dirixirse á oficina da OMIC en horario de mañá de 09.00 a 14.00 horas previa cita nos teléfonos: 981189820 ou 981184200 (Extensión 50056)
O obxectivo fundamental deste servizo que se pon en marcha hoxe é garantir a defensa e a protección dos consumidores e establecer, no ámbito territorial da nosa cidade, os principios e as normas que deben rexer para mellorar a calidade de vida.
Programa de ‘Educación para ou Consumo’
Por outra parte, a OMIC continúa co seu labor educativo nos Centros Escolares realizando os talleres concertados cos centros a través do programa Coruña Educa 2012-2013.
O número aproximado de actividades que se están a levar a cabo é de 223 talleres para un total de 5.575 alumnos. A súa finalidade é promover entre os nenos actitudes e hábitos responsables nas súas condutas de consumo, en todos os sectores que poidan afectar ás relacións comerciais co fin de que sexan consumidores conscientes tanto dos seus dereitos coma das súas obrigas.
A acción formativa principal deste programa constitúena os talleres de consumo, adaptados ás necesidades dos centros educativos e dirixido a nenos de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.
Día Mundial dos Dereitos do Consumidor
Con motivo da súa celebración o próximo día 15 de marzo, a Omic realizará unha actividade dirixida aos alumnos de primaria para que os máis novos coñezan de primeira man as vantaxes dunha alimentación sa e equilibrada.
Así, realizarase unha visita guiada a tres mercados coruñeses por parte de tres grupos de alumnos de tres colexios diferentes da nosa cidade e realizarase un concurso de fotografía e un de pintura entre os participantes. O obxectivo é que, a través de actividades prácticas, os alumnos comprendan mellor os requisitos que deben cumprir os establecementos profesionais para ofrecer o mellor servizo aos consumidores. Premiaranse os tres mellores debuxos e as tres mellores fotografías.











