Cid presenta a Feira de Ideas Empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Luisa Cid na Feira de Ideas

Luisa Cid na Feira de Ideas

O tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, acudiu hoxe á Feira de Ideas Empresariais que se celebra dentro do Programa Inicia e que o Concello da Coruña desenvolve en colaboración co Igape e a Consellería de Educación.

Cid destacou os obxectivos do Programa Inicia “que realiza un importante traballo incentivando o espírito emprendedor entre o alumnado de formación profesional e ensinanzas especiais”. En canto ao contido do programa está determinado por unha tutorización de proxectos empresariais, onde se desenvolven as capacidades emprendedoras dos participantes e serve de instrumento de promoción de ideas empresariais.

Para a celebración da Feira de Ideas seleccionáronse, entre os 59 proxectos presentados, os 16 que máis destacaron pola súa orixinalidade; pola natureza innovadora do proxecto; ou pola súa madureza e posibilidade de aplicación. En total participaron 8 centros, participaron 14 cursos e un total de 335 alumnos.

Entre os finalistas seleccionados premiáronse os catro mellores proxectos: A Factoría dous Soños, Percemar, Ecobrick e Raining a Chuzos

A Factoría dous Soños é un proxecto presentado polos alumnos do CIFP de Someso que ofrecen unha forma de ocio totalmente diferente e novidosa “fabricando ilusións e emocións”, tal e como destacan os propios autores do proxecto.

Percemar, do IES Sardiñeira, basea a súa idea nunha empresa de produtos alimenticios do mar, especializada no cultivo de percebe por medio dun revolucionario método que simula as condicións naturais na zona da cría mediante a estrutura necesaria.

Ecobrick, do CFIP de Someso, formula un proxecto baseado na construción de vivendas de alta eficiencia enerxética empregando materiais ecolóxicos e baseándose na bioconstrucción alternativa, autosostible, innovadora e saudable.

Raining a Chuzos, da Escola Pablo Picasso, propón unha empresa de mercadotecnia publicitaria, baseada no desenvolvemento de publicidade a través dunha nova técnica denominada mercadotecnia de guerrilla.

Os premios consistiron nunha tablet para cada un dos alumnos participantes nos proxectos gañadores. Ademais, os centros Nebrija Torre de Hércules, Urbano Lugrís e Sardiñeira tamén recibiron un premio de 300 euros en material escolar pola súa implicación e colaboración.

Ao acto asistiron tanto os alumnos coma o profesorado que participou ao longo do curso escolar no programa, ademais dos representantes das Administracións que impulsaron este proxecto.

Cabe destacar, con respecto a edicións anteriores, o aumento na participación tanto dos alumnos coma dos centros. Así, pasouse de 29 proxectos presentados ao longo do curso escolar 2011-2012 a 59 proxectos presentados no curso escolar 2012-2013.

Formación Arcea

Por outra parte, Cid anunciou a realización de accións formativas e práctica profesional que se aprobará mañá na Xunta de Goberno e que son o complemento perfecto ao Plan de Acción do Pacto Local polo Emprego que se aprobou esta semana.

En total, organízanse tres itinerarios de 900 horas cada un para 45 alumnos -é dicir, 15 por curso-:

– Operacións básicas de viverismo, técnica hidropónica, arquitectura bioclimática e xardinaría vertical.
– Instalación de elementos de carpintaría interior e exterior.
– Pintura de edificios. Aplicación de estucados en rehabilitación de vivendas.

Este programa municipal busca adaptar o perfil profesional dos alumnos ás demandas reais de emprego na cidade, polo que tamén se realizará un proceso de selección para cada curso. Os participantes, que deberán estar inscritos como demandantes de axudas no Servizo Municipal de Emprego, percibirán 15 euros por cada día lectivo de asistencia e ata un máximo de 300 euros mensuais. Así, o presuposto final do proxecto, é de 203.225 euros, dos que 99.225 euros se destinan a bolsas e 104.000 euros a material e organización dos cursos.

O Concello dirixe este proxecto sobre todo a persoas desempregadas de longa duración -maiores de 25 anos con máis de 12 meses no paro e as menores de 25 anos con máis de seis meses-, onde se traballará tamén na formación non só téorica, senón tamén práctica dos alumnos, con traballos de mantemento de espazos públicos, como a praia Das lapas, e de rehabilitación de instalacións municipais, como os centros cívicos.

21 de marzo de 2013 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.