Centro social de Oleiros, lecer saudable e de vangarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOleiros
A-
A+
Infografía do centro social

Infografía do centro social

Un proxecto vangardista en canto ao deseño, sostible e de máxima eficiencia que achega ao municipio unha nova opción para o desenvolvemento de actividades culturais e a promoción de Riveira como destino turístico con multiplicidade de atributos e numerosas e innovadoras alternativas para o tempo de lecer.

Finalizado o prazo de presentación de ofertas, un total de 31 empresas competirán pola adxudicación da construción do novo Centro Social e de Ocio Saudable de Oleiros, o procedemento para a contratación da empresa adxudicataria é  aberto e de tramitación ordinaria con multiplicidade de criterios de adxudicación.

O elevado número de ofertas presentadas pon de manifesto a importancia da obra e o valor que achega tanto para o municipio riveirense, en termos de turismo e promoción económica, como para os seus veciños, xa que contarán cun novo punto de encontro social con diversidade de actividades culturais para aproveitaren no seu tempo de lecer.

Así o explicou na rolda de prensa celebrada hoxe no Consistorio o alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, quen subliñou que este é un proxecto sobre o que o Equipo de Goberno se sinte especialmente satisfeito e que confía en poder poñelo a disposición dos veciños antes de finalizar este mesmo ano.

A construción do Centro Social e Ocio Saudable en Oleiros é unha das actuacións economicamente máis importantes das incluídas no Proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER. Ten un orzamento de 800.000 euros (661.157,03 euros máis IVE) e un prazo de execución que en principio ascende aos 8 meses, se ben nos propios pliegos de licitación xa se prevé unha significativa rebaixa en canto a este concepto.

Eco arquitectura

Conforme ao proxecto de execución deseñado, o inmoble estará situado nunha esquina da pacela coñecida como “Horta do Cura”, de 2.506 metros cadrados de extensión, para liberar así a maior superficie posible para espallamento ao aire libre dos veciños.

A obra erixirase como un edificio sostible, en sintonía co entorno natural no que se enmarca. A empresa adxudicataria do proxecto deberá asegurar a eficiencia enerxética da edificación incluíndo un sistema de produción de auga quente mediante enerxías alternativas, lámpadas de baixo consumo e un sistema de aproveitamento da luz natural que regule o nivel de iluminación en función do aporte de luz natural. Ademais, na súa construción empregaranse materiais respectuosos co medio ambiente que faciliten a súa limpeza, mantemento e reposición.

Versatilidade de usos

A edificación constará dunha planta dividida en dúas áreas dispostas en “L” arredor dunha praza pública de 990 metros cadrados. Cada unha das áreas terá un carácter distinto: unha lonxitudinal, a modo de fondo de praza, onde se situarán todos os despachos e espazos máis convencionais; e unha segunda, situada no borde norte da parcela, como un espazo flexible e divisible mediante tabiques móbiles. Esta última poderase abrir ao exterior permitindo unha maior versatilidade de usos, incluso para dar cabida a actividades culturais abertas á nova praza aproveitando a diferenza de cota sobre a mesma. Por outra parte, un xogo de escalinatas-graderío permitirá un uso distinto deste último espazo liberado.

Unha das partes en que se distribuirá o centro -de 201 metros cadrados construídos e unha superficie útil de 168- comprenderá un despacho de dirección, dous despachos de persoal, unha área de información, aseos, vestíbulo, un cuarto de limpeza, almacéns e unha sala polivalente de 55 metros cadrados.

A segunda -de 241 metros construídos e unha superficie útil de 220 metros cadrados- albergará un salón de actos de 100 metros cadrados e dúas aulas taller de 50 metros cada unha, ademais de almacéns, aseos e un vestíbulo.

O centro social contará ademais cun vestíbulo cuberto de 110 metros cadrados,  un vestíbulo descuberto de 72 metros e un espazo de circulacións, ata completar a superficie total de 646 metros cadrados construídos.

Alén do descrito, a parcela dispoñerá unha zona verde de 521 metros cadrados con área de xogos infantís e populares, un aparcamento de 250 metros cadrados e unha pista de petanca tradicional.

Un novo punto de encontro social e desenvolvemento cultural

O novo centro concíbese como un punto de encontro social e de ocio saudable que permitirá:

– Atender a colectivos desfavorecidos.
– Realizar obradoiros de recuperación de oficios tradicionais para persoas desempregadas utilizando as novas tecnoloxías e criterios de deseño industrial e o apoio na comercialización de ditos produtos.
– Impartir cursos de formación en novas tecnoloxías para todos os niveis, incluída a terceira idade.
– Centralizar os servizos de promoción do parque patrimonial Oleiros-Artes.
– Organizar outros actos didácticos de diversa índole como, por exemplo, aulas de natureza, xornadas de produtos naturais, seminarios temáticos de gastronomía local, etc.
– Promocionar a cohesión territorial e social.
– Integrar os servizos de promoción turística.
– Albergar exposicións.

25 de marzo de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.