Centos de persoas desafiaron á choiva na VIII Festa da Merenda de Aiazo en Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocalLocal Portada
A-
A+
Asistentes á Festa da Merenda

Asistentes á Festa da Merenda

Centos de persoas desafiaron á choiva e participaron na oitava edición da Festa da Merenda de Aiazo, celebrada onte domingo na parroquia de Aiazo (Frades) e que rematou pasadas as 5 da madrugada de hoxe luns. Dende a Asociación de Veciños “Os Pasos”, organizadora da festa, confirman que se repartiron preto de 1.000 tortillas de masa durante toda a xornada, practicamente a mesma cifra que en 2012.

O que si alterou a choiva foi o xeito de disfrutar da festa. A gran cantidade de auga caída ao longo da noite do sábado ao domingo non só fixo que ninguén puidera disfrutar dun día de ocio ás beiras do río Tambre, senón que mesmo imposibilitou a entrada a algunha leira habilitada como aparcadoiro. Deste xeito, se o ano pasado a xente viña á Festa da Merenda a pasar o día, este domingo achegáronse a probar as merendas, disfrutar un tempo da música folk e logo marchar ás súas casas.

Merendas para levar

Pero o número final de asistentes foi practicamente o mesmo, como demostra o feito de que se repartise o mesmo número de merendas. As quendas organizadas coas 15 cociñeiras fixeron que dende as 12 da mañá e ata as 11:30 horas da noite non deixaran de saír tortillas de masa con torriscos. “Foi un continuo ir e vir de xente”, confirma a tesoureira da  Asociación de Veciños “Os Pasos”, Charo Astray.

O que si foi un éxito foi unha das novidades desta oitava edición: a posibilidade de comprar merendas para levar a casa. A Asociación de Veciños “Os Pasos” encargou unha caixas de pizza co logotipo da Festa da Merenda, que se vendía a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas. E non foron poucos os que, en vista do mal tempo, optaron por probar as merendas en Aiazo e mercar un par para comelas tranquilamente na casa. Iso, unido ao euro de colaboración que os asistentes poñían a cambio dun pano conmemorativo, colaborou ao financiamento da Festa da Merenda.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou á asociación “Os Pasos” polo seu excelente traballo e destacou que “estamos diante dunha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a produto tradicional e ao cariño e traballo co que o elaboran estas cociñeiras”. Roberto Rey estivo acompañado polos concelleiros de Relacións Institucionais, Miguel Prado; de Ensino, Manuel Ferreiro; de Medio Ambiente, Ramón Garabato; de Patrimonio, Agustín Sánchez; e Familia, Ángeles Álvarez.

Música

A música e o baile puxérona diversos grupos tradicionais, sendo os máis aplaudidos os locais de Sarillo e o home orquestra Ce Pantasma, que fixo cantar e bailar aos presentes coas súas divertidas e coñecidas melodías. Pola tarde, a actuación das orquestras Ciclón e París de Noia supuxo un notable incremento do público xuvenil, que encheu a carpa instalada na área recreativa para bailar e comer “merendas” ata ben entrada a madrugada.

A Festa da Merenda é posible grazas ao traballo da Asociación de Veciños de Aiazo, que comeza días antes coa selección do touciño e demais ingredientes das tortillas de masa: auga, ovos e fariña, ambos caseiros, o que lles dá un sabor diferenciado a estas “merendas”. Se o primeiro obxectivo da Festa da Merenda era que os máis novos coñecesen a tortilla de masa e a importancia que tivo en décadas pasadas (cando era un dos pratos máis empregados na posguerra), agora a “merenda” converteuse nunha festa para todas as idades.

25 de marzo de 2013 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.