Cedeira inicia este domingo os cursos de surf con todas as prazas cubertas
As clases de surf que promove o Concello de Cedeira durante o mes de marzo tiveron unha moi boa acollida entre os veciños e veciñas da vila. De feito e a uns días de que comecen as sesións, a demanda excedía as 20 prazas ofertadas. Aínda así, a Concellaría de Deportes manterá aberto o prazo de inscrición e asignará as prazas para cada quenda mediante un sorteo público.
Os cursos celebraranse todos os domingos do mes de marzo (días 10, 17, 24 e 31, en horario de mañá) e nacen da colaboración entre Concello e a Escola de Surf Pantín Classic co obxectivo de promover a práctica desta disciplina entre os veciños e veciñas da vila, especialmente entre os máis novos. A participación é gratuíta e, para anotarse, as persoas interesadas deben dirixirse ao pavillón polideportivo. As prazas están limitadas a 20, cinco por xornada e a única condición para participar é saber nadar e ter dez ou máis anos.











