publicidade hoxe

Catoira presenta o Plan Municipal de Prevención das Drogodependencias 2013-2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal
A-
A+

O Concello de Catoira acaba de formular o Plan Municipal de Prevención das Drogodependencias para o bienio 2013-2015. Logo da supresión de financiamento por parte da Xunta de Galicia, o Goberno local decidiu seguir desenvolvendo en solitario medidas de prevención, asistencia e inserción social nesta materia, consciente da gran transcendencia social e das consecuencias que o abuso no consumo de drogas ten para a poboación, sobre todo para a mocidade.

O Plan segue as directrices da Lei 2/1996 de Galicia sobre Drogas, tendo en conta, ademais, a Estratexia da UE en materia de loita contra a droga 2013-2020 e as marcadas polo Plan Nacional sobre Drogas. Así, inclúe accións dirixidas, principalmente, á redución da demanda mediante a xeración de mecanismos de protección na poboación fronte ás drogas. Para iso, propóñense medidas de información, educación para a saúde, formación e intervención nos ámbitos escolar, familiar, laboral, comunitario, da comunicación social e da saúde. En particular, o Plan contempla de forma transversal a perspectiva de xénero, así como o impacto entre os colectivos de maior vulnerabilidade.

No ámbito educativo, está previsto traballar con tódolos rangos de idade, cunha maior atención ó período da adolescencia. Ademais de obradoiros, cine-forums ou charlas, terán especial relevancia dous novos programas educativos: o “Decálogo do bo estudante” e o “Decálogo do bo deportista”. Baseándose nas máximas que recolle cada decálogo, o alumnado elixirá “bos deportistas” e “bos estudantes” dentro da aula, que recibirán un título honorífico e un lote de material deportivo e escolar, respectivamente. O programa contempla tamén actividades que implican ás familias dos alumnos, que deberán realizar e documentar fotograficamente actividades deportivas e culturais en común con algún membro da súa familia, que posteriormente se mostrarán nun mural. Preténdense así, por unha parte, inculcar e resaltar os valores e actitudes do deporte (cooperación, sacrificio, solidariedade, honestidade, superación, esforzo…) ligados ós propios persoais, ó tempo que se fomenta a adhesión á práctica deportiva, e, co decálogo do bo estudante, conxugar a motivación intrínseca (sentir curiosidade e interese polos contidos e recoñecemento social) e extrínseca (incentivos externos, recompensas) para mellorar o rendemento escolar.

No ámbito xuvenil e comunitario levaranse a cabo accións de prevención de consumo de alcohol na autoescola situada no municipio, un obradoiro para deixar de fumar e un curso de formación de mediadores sociais en colaboración coa Universidade de Vigo.

No ámbito familiar encádranse accións de formación de pais e nais a distancia, a publicación dun boletín trimestral divulgativo que será enviado ós domicilios do alumnado do CPI Progreso e a creación dun grupo de autoaxuda para nais e pais de nenos con déficit de atención con hiperactividade (TDAH).

A intervención no ámbito laboral consistirá nunha campaña de sensibilización nas empresas de Catoira, onde se entregarán trípticos e dvd´s ós traballadores das entidades que decidan participar no programa.

18 de marzo de 2013 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.