Carlos Negreira visita as 40 vivendas rehabilitadas no Birloque

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Negreira na visita ás vivendas

Negreira na visita ás vivendas

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polas concelleiras de Barrio, Carmen Hervada e Susana Pazo, visitou esta mañá O Birloque con motivo da finalización das obras de rehabilitación de 40 vivendas, unha actuación enmarcada na Área de Rehabilitación Integral deste barrio. Nos últimos meses melloráronse os elementos comúns destas vivendas para recuperar o seu aspecto inicial e co obxectivo de mellorar e facilitar o día a día dos veciños e a calidade das súas casas. Os veciños contaron coa colaboración e o asesoramento da Oficina de Rehabilitación no proxecto, o que supuxo melloras no illamento do edificio e, polo tanto, da súa eficiencia enerxética. Estes son os traballos realizados:

– Illamento e pintura de fachadas
– Substitución da cuberta
– Cambio de ventás
– Celosías de tendales
– Limpeza da pedra
– Centralización de contadores
– Canalización de telefonía, electricidade e gas

O importe total desta actuacións ascende a 674.935,14 euros, dos que o 60%, 400.000 euros, forman parte da subvención concedida pola Xunta e o Ministerio de Fomento.

Carlos Negreira aproveitou a visita para presentar aos veciños o seguinte paso, consistente nunha proposta para a urbanización da zona: “Arranxaremos beirarrúas, renovaremos o paviemento, executaremos un parque infantil e instalaremos máquinas biosaludables. O obxectivo é urbanizar e humanizar O Birloque, ademais de favorecer a accesibilidade”, sinalou e engadiu que a previsión é comezar a obra no último trimestre do ano.

Aposta pola rehabilitación e renovación

O Alcalde da Coruña destacou o esforzo que o Concello da Coruña está a realizar en materia de rehabilitación e renovación da cidade e recordou que en 2013 se destinan máis de 3 millóns de euros co fin de mellorar barrios como o Casco Histórico, Os Mariñeiros, Sagrada Familia, O Birloque ou Palavea, ademais de subvencionar actuacións para a conservación de inmobles ou a instalación de elevadores. “Acabamos de pechar o prazo para a solicitude deste tipo de axudas e recibimos peticións para executar obras en 3.735 vivendas, das que o 78% son para a instalación de ascensores. A nosa aposta nesta materia é decidida”, finalizou.

19 de marzo de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.