Carballo presenta un orzamento centrado no benestar por 21,9 millóns de euros

Presentación dos orzamentos
O goberno municipal vén de presentar unhas contas para 2013 que, segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, “repectan a normativa e cumpren coa regra de gasto e cos requisitos económico financeiros para o equilibrio orzamentario”. O importe ascende a 21.936.446,61 euros no apartado de ingresos e de 21.057.765,23 euros no de gastos, cun incremento dun 7,25 por cento e dun 5,4 por cento respectivamente en cada un dos apartados respecto das contas do exercicio anterior e un superávit, esixido polo plan económico financeiro, de 878.681,38 euros. Lendoiro explica que se trata “dun presuposto realista e moi prudente”, que ten en conta “a situación económica xeral”, garantindo “a eficiencia na xestión dos servizos” ao mesmo tempo que pensa no “benestar das persoas”, en “dinamizar a economía do Concello” e en “impulsar a formación e o emprego”, especialmente coa potenciación do Fórum Carballo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou de que en 2012 se ingresou máis do previsto, nun 108,23 por cento, e houbo contención do gasto, xa que se consumiu o 80 por cento do orzamentado. Os ingresos do Concello por habitante son de 770,97 euros e os gastos de 566,72 euros, mentres que a carga financeira é “moi baixa”, dun 3,96 por cento, cuns índices de aforro neto do 17 por cen, e do 20 por cen de aforro bruto. Uns números que reflicten “a excelente situación financeira, cun orzamento que permitirá manter o nivel de servizos e ademais incrementar os investimentos”.
Analizando os capítulos de gastos polo miúdo, Lendoiro explica que se potencian determinadas partidas nas que se basea a filosofía do documento. En primeiro lugar, increméntase a de Benestar nun 33,70 por cento, mentres que as axudas a particulares soben nun 100 por cen, pasando de 25.000 a 50.000 euros, xa que “somos conscientes da difícil situación que moitos veciños e veciñas están atravesando”, en verbas da Concelleira. Por ese mesmo motivo increméntase, así mesmo, o importe destinado a bolsas de estudo. A partida de promoción económica pasa de 50.000 a 140.000 euros e a de promoción turística de 10.000 a 130.000, para establecer plans de dinamización. No que respecta á Formación e Emprego, a partida pasa de 30.000 a 85.000 euros, cun incremento dun 200 por cen. No caso dosInvestimentos reais, soben un 3,3 por cento respecto do exercicio anterior e supoñen o 20,85 por cento do orzamento. A iniciativa máis importante é o Proxecto Anllóns-Bardoso de saneamento e abastecemento de auga. Está previsto que esta actuación, financiada por fondos europeos FEDER e dividida en dúas fases, custe preto de catro millóns de euros, dos que o Concello deberá achegar 1,2 millóns. Ferrero subliña que a “excelente” situación económica municipal permite que esta achega se poida realizar sen ter que recorrer a ningún crédito bancario.
Respecto doutros investimentos importantes, hai que subliñar o POS da Deputación, por 359.438 euros; os 150.000 euros que se destinarán para a dotación de mobiliario da nova Biblioteca comarcal, a piques de poñerse en marcha; os 116.00 euros que servirán para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións deportivas; ou os 180.000 euros que se destinarán a obras de urbanización. No apartado de gastos, sempre hai que ter en conta o capítulo de gastos correntes (con 8.730.922,29 euros), que neste caso supón o 41,46 por cento do orzamento, pero é unha cantidade que diminúe nun 2,13 por cento respecto de 2012, co obxectivo de “seguir buscando o aforro en mantemento, arrendamentos, subministros, etc., axustando sen perder a calidade”, segundo Lendoiro, e “buscando o control e a eficiencia”. Os gastos de persoal (5.471.309,11 euros) supoñen un 25,98 por cento do total, baixando un 2,57 por cento ao diminuíren as contratacións directas de traballadores e traballadoras por parte do Concello en servizos como a limpeza de centros de ensino ou o Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida).
Prudencia e realismo nos ingresos
No que respecta á previsión dos capítulos de ingresos, Lendoiro subliña que “mantemos os criterios do exercicio anterior que nos deron bos resultados”, cunha “previsión de rigoroso realismo acorde coa situación económica de crise actual”. Os impostos directos soben notablemente dende os 5,9 millóns de euros de 2012 aos 6.745.445,38 previstos para 2013, mentres que as taxas e prezos públicos suporían 3.540.11,37 euros, practicamente o mesmo que no exercicio anterior, que se estimaron en 3,6 millóns. No caso dos impostos indirectos derivados da construción, e dada a situación de crise económica, os ingresos previstos serían de 100.000 euros, a metade do cálculo realizado para 2012 que ascendía a 200.000, sempre seguindo o criterio de “prudencia”. Os ingresos patrimoniais soben lixeiramente, pasándose dunha previsión de 258.096,06 euros en 2012 a 265.050 este ano. As transferencias de capital suporían uns ingresos de 2.224.955,76 euros, incrementándose notablemente a cifra respecto de 2012, en que fora de 1.892.364,30 euros. Os activos financeiros (de 50.000 euros) manteñen a mesma contía que en anos anteriores.
Xunto cos orzamentos xerais do Concello tamén se presentaron as contas do Padroado Deportivo Municipal para 2013. O organismo conta con débeda cero, e o seu presuposto ascende a 1.123.744,91 euros, cunha diminución mínima respecto de 2012 dun 0,19 por cento.











