Carballo convocará unha comisión informativa para valorar as alegacións ao PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

O goberno carballés vai convocar unha comisión informativa de urbanismo para o mércores 17 de abril na que está previsto realizar ante todos os grupos políticos municipais e coa axuda do equipo redactor unha valoración das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así, e unha vez rematado o venres 22 de marzo o período de exposición pública de dous meses marcado por lei, darase conta do número total de alegacións rexistradas, que a día de hoxe ascende a 1.850. Tamén se realizará unha clasificación atendendo á tipoloxía das alegacións, dependendo de se refiren a chan urbano, rústico, etc. Nesa xuntanza está previsto, así mesmo, que se realice unha estimación dos prazos previstos para resolver estas alegacións. Hai que lembrar que o documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo estivo a disposición de todos os veciños e veciñas durante dous meses no edificio Fórum Carballo, así como a través da páxina web municipal. Desde o primeiro día en que os planos e documentos estiveron a disposición do público a afluencia de cidadáns ten sido constante, así como a media de descargas e visitas a través da web.

Precisamente no que se refire ás consultas realizadas a través de www.carballo.org, hai que subliñar que finalmente teñen sido un total de 5.473 visitas de 2.704 persoas distintas. O mes no que se rexistraron máis consultas foi o de xaneiro, con 2.144, e no que menos marzo, con 1.436. En febreiro contabilizáronse 1.893. Entre as curiosidades respecto dos datos computados a través da páxina web, hai que mencionar que o día no que máis visitas recibiu a documentación do PXOM foi o luns 28 de xaneiro, con 333, mentres que os tomos máis consultados foron: o VII-b, referido aos planos de ordenación dos núcleos rurais, e o V, de planos de información urbanística. O documento ten, ademais, rexistrado consultas de países moi afastados, como Xapón, Kuwait, EE.UU. ou China, e nos últimos días incorporáronse visitas dende Canadá, Perú ou Polonia. No que respecta ás cidades galegas e españolas dende onde se teñen realizado consultas, hai que mencionar lugares como Los Palacios (Sevilla), Horcajo de la Sierra (Madrid), Cheste (Valencia), Arenys de Mar, (Cataluña), Guijo de Granadilla (Extremadura) ou Ingenio (Canarias); e Narón, Ares, Perillo, Verín, Pontevedra, Ourense, Ames, Teo ou Ferrol. Por horas, os momentos do día no que se teñen contabilizado máis consultas son entre as 10.00 e as 20.00 horas, sendo os picos de maior actividade ás 12.00 e ás 16.00 horas.

25 de marzo de 2013 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.