Carballo conmemora o Día da Muller con charlas e a celebración dun Cinefórum
A Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información á Muller (CIM) conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a través dun ciclo de ponencias que se desenvolven durante todo o mes. Profesionais de distintos ámbitos informan ás mulleres acerca de temas xurídicos, sociais, psicolóxicos, de saúde, de resolución de conflitos, de relacións paterno filiais, de economía doméstica, etc. A cita é todos os xoves de 10.00 a 13.30 horas no Pazo da Cultura (Rúa do Pan, s/n).
Nestas ponencias participan as profesionais do CIM de Carballo e a Educadora Familiar. Haberá dous grupos de 20 mulleres. Por outra banda, o mesmo día 8 de marzo o Fórum Carballo (situada na Praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n – barrio da Milagrosa) acolle un Cinefórum coa película “Globos de agua” (2006), unha curtametraxe de ficción sobre conciliación laboral e familiar producida polo proxecto europeo Equal Camp de Túria Concilia. A través dunha historia de ficción, aínda que moi real, Fernando Canet reflicte a necesidade que teñen todas as persoas de conciliar a súa vida laboral coa familiar e persoal. A sesión ten lugar de 10.00 a 13.30 horas. Esta actividade está aberta a calquera persoa que queira participar, e consiste na proxección da película e un debate a continuación dirixido por unha profesional da Asociación Faraxa que colabora neste acto.











