Calvo destaca en Fevino o traballo realizado para manter vivo o recinto feiral de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asistiu esta mañá á inauguración da VIII edición de Fevino, a Feira do Viño do Noroeste, de carácter bienal e que terá lugar no reciento feiral de Ferrol, FIMO, desde hoxe e ata o vindeiro mércores.

Durante a súa intervención, o presidente asegurou “estar moi satisfeito” de ver como se abre unha nova edición da feira, á que cualificou como “a máis importante de todas as que tivo Fevino”. “Esta edición é fundamental, e non porque siga sumando anos, senón porque a situación pola que atravesa este recinto fixo perigar a súa celebración. Este ano fomos capaces de superar os problemas e fixémolo entre todos”, asegurou o mandatario provincial.

Calvo lembrou que a Deputación da Coruña se involucrou con Fevino e con FIMO, aos que brindou a súa axuda e apoio para futuras edicións. “Iso si, esixiremos resultados”, matizou o presidente.

“Chegou o momento de seguir traballando na verdadeira esencia deste recinto”, asegurou o presidente, quen lembrou que en Fevino danse cita expositores cos mellores caldos galegos, españois e, por primeira vez este ano, internacionais.

Calvo aplaudiu tamén o obxectivo da feira, que non é outro que “reunir a todos os profesionais do sector para crear novas oportunidades de negocio”, para asegurar a continuación que “non hai mellor lugar para celebrar este encontro que Ferrol, onde somos consumidores de bos viños e onde nosa hostalería aprecia e coida este sector”.

Para terminar, Calvo expresou o seu desexo de que “en dous anos sexan máis de 150 expositores os que elixan Fevino para seguir crecendo no sector e que esta cidade se converta en todo un referente para o sector”.

11 de marzo de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.