Bravo Bosch visita con Valverde o asfaltado de tres camiños en Camos

Valverde e Bravo Bosh visitando as obras
A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, e o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, visitaron a parroquia de Camos, para coñecer o estado do asfaltado de tres camiños nesta zona, dentro dunha actuación contemplada no Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM). Esta actuación, valorada en preto de 55.000 euros, completa a fase iniciada pola Xunta de Galicia en 2011, dirixida a mellorar as infraestruturas rurais do municipio.
As obras afectaron os camiños da Carballeira, Viñas e Baleazas, resolvendo o mal estado de conservación do firme e ampliando o ancho do camiño, mellorando as comunicacións dos veciños e veciñas da parroquia de Camos, así como a seguridade viaria dos camiños.
Entre os principios básicos do PEIM destaca a acometida de proxectos relacionados coa dinamización da base produtiva do medio rural, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación residente nestas zonas e contribuír a fixar a poboación. ?Estas actuacións permitiron mellorar as condicións deste tres camiños da parroquia de Camos, mellorando ao mesmo tempo as comunicacións da parroquia e da súa contorna?, sinalou o rexedor municipal tras a súa visita.
Pola súa banda, Bravo Bosch lembrou que o obxectivo fundamental deste tipo de intervencións é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación, e arranxar deficiencias, ademais de resaltar que o investimento total nos PEIM 2012/2013 para o catorce concellos que o conforman no ámbito da Delegación Territorial da Xunta en Vigo foi de case 900.000 euros (895.200,04 euros).











