Benestar tramita a inclusión dos orteganos no programa de “Benestar en Balnearios”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social de Ortigueira xestiona ata o xoves 12 de abril o programa “Benestar en Balnearios” polo que se proporciona aos maiores de 65 que, por prescrición facultativa o precisen, os tratamentos que se prestan en trece balnearios repartidos por toda Galicia.

Dentro do programa, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar que concerta 603 prazas, inclúese o aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante dez días e un completo tratamento para os usuarios, que abrangue dende o recoñecemento médico ao ingresar, ao tratamento prescrito e un informe final, e animación sociocultural. Todo por prezos que oscilan entre os 363 e os 399 euros, en función do balneario elixido.

Os beneficiarios serán maiores de 65 anos ou pensionistas maiores de 60, en todo caso, e viúvos de máis de sesenta que precisen os tratamentos e poidan valerse por si mesmos. Ademais poderán ir acompañados do cónxuxe sen necesidade de que este cumpra o requisito da idade.

Dende a Concellaría de Benestar Social recórdase que o período para solicitar praza nas quendas, que transcorren entre xuño e outubro, rematará o próximo 12 de abril. Os orteganos interesados en inscribirse poden dirixirse ao Centro Social de Ortigueira, onde recibirán toda a información que necesiten deste programa que busca contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles gozar duns días de tratamento termal, descanso e convivencia.

22 de marzo de 2013 | 20:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.