Benestar Social Municipal xa presta o Servizo de Teleasistencia no Concello de Pontevedra
O Concello de Pontevedra xa atende, a través da Cruz Vermella, a todas as persoas que dispoñían do servizo de Teleasistencia coa empresa Eulen, cando o prestaba a Deputación.
A día de hoxe os novos dispositivos xa están distribuidos e funcionando con absoluta normalidade, agás os catro casos que asinaron o contrato que Eulen lles entregou cando lles foi a retirar os dispositivos. Estas catro persoas dirixíronse ao servizo de Consumo polo que o Concello está á espera para darlles unha nova alta.
No caso deste servizo municipal e á vista dos datos económicos dos usuarios, decidiuse que non estaría suxeito a copago, polo tanto, será
gratuíto para todas as persoas que neste momento dispoñen do servizo.
Segundo as estimacións municipais, a xestión do copago sería máis custosa que o recadado. Ademáis, deste xeito, evítase deteriorar máis a economía dos usuarios que precisan a Teleasistencia, xa de por si moi debilitada debido ao copago sanitario, á conxelación das pensións, á suba do IVE e ao resto das medidas económicas que teñen especial incidencia nos que precisan máis atencións como é o caso dos maiores.











