Benestar Social inicia unha campaña de recollida de alimentos en supermercados do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social acaba de poñer en marcha, en colaboración con boa parte dos supermercados e tendas de alimentación do municipio a campaña Axúdanos a axudar”. A iniciativa solidaria busca recoller alimentos non perecedoiros con destino á súa distribución entre as familias con menos recursos da localidade.

Trátase da primeira campaña que activa directamente o concello co obxectivo de impulsar o “Banco de alimentos municipal” e lograr así que, aínda cando poida aumentar a demanda de víveres, se dispoña dunhas reservas mínimas coas que cubrir as necesidades básicas de alimentación das familias orteganas que o necesiten.

Dende o concello agradécese a excelente acollida brindada á proposta polos super e tendas do municipio, que decidiron implicarse dispoñendo carros ou recipientes co material promocional da proposta, nos que os veciños/ás que o desexen poderán colaborar, doando alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiene persoal.

Dende Benestar Social anímase a todos os orteganos a colaborar, na medida das súas posibilidades e apúntase que a campaña emprendida ten como data límite o 10 de abril.

Non obstante, a concellaría aspira a dar continuidade no futuro con campañas dirixidas á rede de centros sociais das parroquias e en colaboración cos centros educativos locais. Deste xeito, e ante a situación de crise que vivimos, busca reforzar o papel do “Banco de Alimentos Municipal” que, na actualidade, e á marxe de doazóns puntuais, se nutre fundamentalmente dos fondos chegados ao municipio procedentes de Cruz Vermella.

AXENDA:

– Venres 22 de marzo, a partir das 20:00 horas no Teatro de Beneficencia. Conferencia: “Fe cristiá e relixiosidade popular”, a cargo de Segundo L. Pérez López, deán da catedral de Santiago de Compostela. A continuación, concerto da Coral Polifónica de Ortigueira.

– Sábado 23 de marzo, a partir das 20:15 horas no Museo Ortegalia. Ortigueira literaria dixital organiza dentro do Ano Federico Maciñeira e Pardo de Lama a conferencia “Federico Maciñeira, arqueólogo” co doutor en Humanidades e arqueólogo cariñés, Lois Armada.

21 de marzo de 2013 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.