Benestar Social activará a partir de abril un programa gratuíto de técnicas de estudo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social de Ortigueira pretende poñer en marcha nas próximas semanas, e por cuarto ano consecutivo, un programa gratuíto de apoio escolar. Trátase de contribuír a previr o fracaso escolar, partindo de que unha das súas múltiples causas está en que o alumnado non sabe estudar. Con este ciclo de talleres, que se impartirá en horario extraescolar, o concello pretende dar resposta á preocupación dos pais e nais polo baixo rendemento académico dos seus fillos.

“Aprender a estudar” xorde como un programa de adestramento en técnicas de estudo, pensado para calquera escolar de último curso de primaria ou dos distintos niveis de secundaria que considere precisa dun reforzo para seguir o ritmo académico.
A iniciativa, promovida polo Servizo de educación familiar, herda o esquema de anos anteriores e trata de ensinar aos participantes a programar o seu tempo de traballo, organizar o seu material, tomar apuntamentos correctamente, realizar esquemas efectivos e aprender trucos e regras nemotécnicas para memorizar determinado tema.

Os interesados en beneficiarse (o pasado ano foron 30) deberán inscribirse no centro social de Ortigueira, a través do teléfono 981402542, antes do 27 de marzo. En función do número de solicitudes que se formalicen, organizaranse os grupos e establecerase o horario. A iniciativa levarase a cabo no centro social da Vila e prologarase durante os meses de abril e maio.

A proposta vén a completar o conxunto de actividades e recursos que os Servizos Sociais ofertan á comunidade educativa local, especialmente á do IES de Ortigueira.

15 de marzo de 2013 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.