Baiona dota de código QR aos paneis informativos do “Sendeiro Azul”

Un dos paneis co código QR
Esta aplicación pode descargarse no teléfono móbil e permite ter información ao instante da flora, fauna e monumentos que se poden visualizar ao longo do percorrido de algo máis de 6 quilómetros que comeza en praia Concheira e finaliza na Foz del Miñor, pasando por Monte Boi e continuando polas praias Dos frades, Barbeira, Ribeira, Santa Marta e Ladeira, ademais das instalacións do Club de Iates e outros portos deportivos con Bandeira azul.
Recordar que este sendeiro foi o primeiro da provincia en ser recoñecido co galardón “Sendeiros Azuis 2011”. O percorrido dispón doutros valores engadidos tales como a conexión co sendeiro fluvial de Baiña e a Foz del Miñor que forma parte da Rede Natura 2000. Tamén hai que ter en conta á hora de valorar este galardón que tan só se concederon 12 en todo o territorio español.
Para a concesión do recoñecemento a Asociación de Educación Ambiental do Consumidor (ADEAC), o mesmo organismo encargado de outorgar as bandeiras azuis, tivo en conta numerosos factores, entre eles: a flora e fauna existente ao longo e ao largo do percorrido, tamén o esmero mostrado polo concello á hora de coidar as especies autóctonas e eliminar especies invasoras.
Tamén os servizos que os cidadáns poden gozar ao longo do percorrido tales como colectores ou papeleiras, auga potable, caixa de primeiros auxilios, establecementos de hostalaría, miradoiros ou áreas de descanso accesibles persoas con dificultades de mobilidade, son outros dos méritos tidos en conta.
A sinalización a través de cartelería, mellorada actualmente, con indicacións como a lonxitude, dificultade, mapa, códigos de conduta, recomendacións ou suxestións en máis dun idioma, así como a descrición dos elementos de interese histórico, monumental, cultural ou etnolóxico foron decisivos á hora de valorar a candidatura de Baiona.
Hai que ter en conta que durante o traxecto se pode contemplar a capela de Santa Marta a Igrexa de Santa Cristina o monumento Encontro entre dous Mundos, a Muralla da Fortaleza de Monterreal, que inclúe a Porta de Felipe IV, a Torre do Príncipe, a Torre da Tenace, o Pozo da Augada, o Monumento a Alfonso IX, os azulexos da Ruta da Carabela Pinta, a fachada do Litoral, o Casco Histórico de Baiona, o monolito a Ventura Misa, o Monumento ao Mariñeiro, o monumento ao Naufraxio do IVY, e a Ponte Románico da Ramallosa.
O concelleiro de Medio Angel Rodal, indica que a actualización da sinalización supón un paso máis de moitos dados nos últimos anos dirixidos a poñer a disposición de veciños e visitantes rutas ambientais como o sendeiro fluvial do río Fraga en Baredo, ou o do río Baiña, na parroquia do mesmo nome.
O citado paseo, enriquecido agora con código QR comezou a construírse por tramos en 1995, tras os pertinentes estudos de impacto ambiental e o visto e prace das diferentes administracións procedeuse á súa apertura un ano despois. Hoxe ninguén entende o litoral baionés sen este paseo utilizado a diario por centos de persoas.











